Carballo impulsa a mellora a rede viaria co plan anual de mantemento e o inicio da reurbanización da rúa Compostela

Redacción

O Concello de Carballo dálle un novo impulso á transformación, accesibilidade e seguridade do espazo público urbano co inicio das obras de reurbanización integral da rúa Compostela e do plan anual de mantemento e bacheo de vías.
Este martes quedou pechado ao tráfico o treito da rúa Compostela comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo, no que se vai acometer un proxecto que busca crear un espazo público máis amable, accesible e sostible. As obras están financiadas pola Deputación da Coruña cun orzamento de 211.266,61 euros.

Como consecuencia do corte da vía, e co obxectivo de garantir a fluidez do tráfico e evitar retencións, deseñouse o seguinte plan de mobilidade:
• Desvíos de tráfico: habilitáronse itinerarios alternativos polas rúas Emilio González López, a zona do Fórum e Xosé María Castroviejo.
• Tráfico pesado: a rúa Xosé María Castroviejo funciona en dirección única desde a rúa Compostela cara á rúa Verdillo para evitar atascos, ao tratarse dunha vía de alta frecuencia para camións.
• Transporte público: a parada de autobús da rúa Compostela queda situada provisionalmente xunto á capela da Milagrosa.

Os traballos, adxudicados á empresa Canarga cun prazo de execución de seis meses, inclúen melloras de accesibilidade, coa ampliación e renovación das beirarrúas e a adaptación de pasos de peóns; humanización con novas zonas verdes, mobiliario urbano, árbores, e renovación integral dos servizos urbanos.

Arranque do plan de mantemento da rede viaria

Coincidindo coa mellora do tempo, o Concello de Carballo iniciou tamén as tarefas de mantemento e reparación de estradas e vías municipais. A empresa adxudicataria, Vázquez y Reino, comezou os traballos na zona urbana.

Unha vez completado o núcleo urbano, o plan estenderase de forma progresiva a toda a zona rural. O Concello de Carballo destina máis de medio millón de euros anuais a este servizo integral de mantemento.

Con ambas actuacións, o Concello de Carballo continúa avanzando de xeito firme na posta en valor do espazo urbano, apostando por unha vila máis segura, moderna e pensada para as persoas.

Comparte este artigo