HomeA CoruñaCarral abre o luns o prazo de inscrición dos cursos de natación...

Carral abre o luns o prazo de inscrición dos cursos de natación e do VIII Torneo de Pádel

- Anuncio -spot_img

O Concello continúa ofrecendo unha ampla variedade de actividades deportivas durante os meses de verán. A oferta inclúe propostas para veciños e veciñas de todas as idades e pertencentes a distintas disciplinas. O Concello abrirá o luns, 14 de xullo, o prazo de inscrición para os seus cursos de natación de agosto e para o VIII Torneo de Pádel. Trátase de dúas iniciativas xa consolidadas e que reúnen, edición tras edición, a un gran número de persoas participantes.

Por unha banda, os cursos de natación de agosto contarán con 70 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos, tendo preferencia aqueles empadroados no municipio. Os mozos e mozas estarán divididos en tres quendas en función das idades, arrincando en primeiro lugar as clases para os máis maiores e concluíndo coas dos máis pequenos e pequenas. As leccións impartiranse entre as 11.45 e as 14.00 horas e terán unha duración de 45 minutos.

A inscrición poderá realizarse a través da sede electrónica ou, presencialmente, no rexistro municipal do Concello.

Torneo de Pádel
En canto ao VIII Torneo de Pádel, o Concello abrirá tamén o luns, día 14, o prazo de inscrición. As parellas que se anoten estarán divididas en función das idades, tendo un torneo escolar para aquelas entre 10 e 14 anos e un de adultos para as maiores de 15 anos.

O torneo de adultos consta de dúas categorías: a A, dirixida a xogadores dun nivel medio/alto, e a B, destinada ás duplas de nivel medio.

O torneo dará comezo o próximo 31 de xullo e prolongarase ata o 14 de setembro. Nas primeiras semanas disputarase unha fase de liguiña por grupos, de cuxas clasificacións sairá o cadro eliminatorio. Os partidos celebraranse en horario de serán, podendo modificarse os horarios sempre co acordo entre as parellas enfrontadas.

O obxectivo desta competición é o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas aos habitantes de carraleses. Por iso, a participación no torneo terá un carácter gratuíto.

As persoas que necesiten máis información ou desexen tramitar a súa inscrición, poden facelo ata o 24 de xullo no Complexo Deportivo de Carral, no 678 338 847 ou a través do formulario web.

Publicacións Relacionadas