Bergondo continúa coa programación de “Bergondo en feminino” 2026 cun skeirrum

Redacción
Lectura mínima de 2

· A actividade celebrarase ás 18.00 con saída desde A Senra.
· As persoas interesadas en participar poden inscribirse en www.i.gal/bef2026.

Tras o seu aprazamento inicial, o Concello de Bergondo retoma a actividade de “Bergondo en feminino” coa celebración do roteiro “Skeirrum Bergondo en feminino” este venres, 17 de abril. Esta cita é unha nova actividade que se leva a cabo este ano dentro do programa municipal de visibilización da muller, unha iniciativa que foi premiada pola Federación Española de Municipios e Provincias grazas ás súas boas prácticas en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero.

A actividade comezará ás 18.00 horas desde A Senra e terá unha duración estimada dunha hora e media. A proposta está deseñada especificamente para persoas adultas e mozos maiores de 12 anos, ofrecendo unha experiencia dinámica que combina o coñecemento da contorna co recoñecemento da historia das mulleres no municipio.

A participación no roteiro é totalmente gratuíta, aínda que require de inscrición previa obrigatoria a través da ligazón oficial habilitada polo Concello (www.i.gal/bef2026). Para resolver calquera dúbida ou solicitar información adicional sobre esta xornada ou as próximas citas da programación, as persoas interesadas poden contactar co departamento de Servizos Sociais mediante o teléfono 981 791 252 (ext. 4) ou a través do correo electrónico serezabel.rodriguez@bergondo.gal.

Comparte este artigo