HomeA CoruñaComeza a remodelación dos Cantóns coas actuacións preliminares de balizamento, identificación de...

Comeza a remodelación dos Cantóns coas actuacións preliminares de balizamento, identificación de servizos e instalacións auxiliares de obra

- Anuncio -spot_img

Os traballos, que suporán un investimento superior aos sete millóns de euros

Nos vindeiros días celebraranse diversos encontros sectoriais para informar ao máximo detalle da folla de ruta prevista polo Concello nos vindeiros meses

Esta mañá comezaron as actuacións preliminares ao inicio das obras de remodelación dos Cantóns, unha ambiciosa intervención que se porá en marcha nas vindeiras semanas e na que o Concello leva a cabo un investimento de máis de seis millóns de euros para reurbanizar os espazos públicos entre a praza de Mina e a sede da Autoridade Portuaria, xa na contorna da Marina.

En termos prácticos, esta actuación marcará a fase cero da apertura do porto á cidade, un plan progresivo co que o Goberno municipal, en colaboración con todas as Administracións implicadas, está a traballar para acadar unha integración total dos peiraos coa paisaxe urbana da Coruña.
Neste sentido, estes días xa serán palpables as actuacións preliminares á obra en si, un trámite habitual nestes casos. Ademais do balizamento das zonas de actuación —xa visible, por exemplo, na rúa Alcalde Manuel Casas— e da identificación e marcado de servizos, tamén se irán montando as instalacións auxiliares das obras. Como explicou a alcaldesa, Inés Rey, “son os pasos que siguen á sinatura de acta de replanteo, que se rubricou a semana pasada, polo que o prazo de execución, a efectos prácticos, xa está en marcha”.

Con todo, a remodelación en si non arrincará ata dentro de varias semanas, e levarase a cabo en fases diferenciadas para minimizar o impacto en termos de mobilidade e alteracións ao tráfico. “Nos vindeiros días, e como paso previo ao inicio das obras, levaremos a cabo diversos encontros sectoriais para informar ao detalle da folla de ruta de cara aos vindeiros meses. Farémolo escoitando e atendendo ás necesidades e suxerencias de todas as partes”, avanzou Rey.

Vinte meses de traballos para transformar os Cantóns

A alcaldesa lembrou hoxe que a intervención nos Cantóns busca culminar unha iniciativa que se remonta aos anos da pandemia. Por aquel entón, o Concello redefiniu os percorridos de tráfico rodado e, ademais, ampliou provisionalmente as superficies peonís dispoñibles co obxectivo de dar cumprimento ás directrices sanitarias e de seguridade no referente ao distanciamento persoal nas actividades ao aire libre, durante as sucesivas vagas.
“Aquela experiencia serviunos para decatarnos da necesidade de dispor de espacios de maior calidade pensados para as persoas”, explicou a rexedora.
Agora, a UTE Abeconsa – Canarga será a encargada de executar esta transformación, que se levará a cabo nun prazo de vinte meses e que incluirá, entre outras medidas, a creación dunha bancada na habilitación do acceso ao aparcadoiro dos Cantóns, un enclave concibido como un futuro punto de encontro e reunións para a cidadanía.

Ademais, o Concello mellorará e ampliará o carril bici que bordea os xardíns de Méndez Núñez para que pase a ser bidireccional, conectándoo co novo percorrido aberto meses atrás entre a rúa Nova e o paseo marítimo do Orzán, sendo este o primeiro treito que atravesa o istmo da Pescaría.
Por outra banda, tamén se acometerá a peonalización de Entrexardíns, unha iniciativa enmarcada no plan de recuperación dos vínculos co porto. Así, os xardíns de Méndez Núñez volverán estar unidos, cunha continuidade peonil entre os seus espazos naturais e a explanada contigua ao Palco da Música.

Publicacións Relacionadas