O Concello de Oleiros acolle este sábado 23 de novembro, ás 20:30 horas, no auditorio Gabriel García Márquez; o concerto de Paula Pier, Eu, Fraude!
EU FRAUDE! é o lugar de encontro entre a poesía, a canción e o escénico que nos impulsa, en forma de viaxe emocional e con visión positiva e esperanzadora, a liberarnos das caretas autoimpostas pola sociedade que nos separan de nós mesmas e das demais. É, claramente, unha historia de amor propio en forma de festa. Cancións, poemas e textos de composición orixinal conforman un espectáculo co que presentarse con frescura e singularidade dentro do sistema teatral galego.
A duración do concerto é de 70 minutos e está dirixido a público maior de 12 anos.
O prezo da entrada é de 4,00 euros. Poderán ser adquiridas con anterioridade á celebración do espectáculo en www.giglon.com (desde o domingo 17 ao sábado 23 de novembro ás 19:00h) ou o mesmo día do espectáculo, unha hora antes, na billeteira do auditorio.