O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, visitou, xunto aos concelleiros de Obras, Servizos e Mobilidade, os traballos de aglomerado da estrada entre O Pereiro Vello e Outón, que se retomaron tras a mellora das condicións meteorolóxicas.
Despois do investimento realizado entre A Canosa e O Pereiro Vello, que superou os 230.000 euros, nestes momentos están en marcha as obras de aglomerado do treito que vai desde O Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797,88 euros. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 euros.
A actuación abrangue 3.330 metros e inclúe limpeza de gabias, mellora da drenaxe e estendido de aglomerado en 22.725 metros cadrados. Nos cruces cos ríos Calvos e Vilar de Cima realizouse un sobreancho dun metro por cada marxe, e no Outón construíuse un muro de coieira de 35 metros de lonxitude.
Dentro do plan de aglomerados, que segue a estenderse polo territorio municipal, o Concello de Carballo ten agora mesmo en licitación as obras de mellora da vía que conecta os lugares de As Torres e Cances Grande.
O proxecto permitirá renovar de maneira integral este viario estrutural, mellorando a seguridade e as condicións de mobilidade. Tamén se executarán sobreanchos, melloras de drenaxe, tres muros de contención e a instalación da futura rede municipal de abastecemento de auga ao longo de 1.450 metros, ademais da renovación da sinalización.
O orzamento ascende a 481.964,74 euros e o prazo para a presentación de ofertas estará aberto ata o 4 de marzo ás 23:59 horas.
Daniel Pérez destacou que estas actuacións supoñen un paso importante na mellora das infraestruturas viarias do rural, xa que combinan seguridade, planificación e eficiencia na execución dos servizos públicos.



