Os traballos forman parte do plan progresivo de actuacións ao longo do paseo marítimo, onde o Concello está a executar adecuacións por fases e atendendo ás necesidades específicas de cada treito
Esta semana arrincaron as obras de adecuación previstas na contorna da rotonda da Torre, onde o Concello está a actuar co obxectivo de mellorar a mobilidade e a circulación do tráfico nesta parte do paseo marítimo.
Unha das principais intervencións que se executará arredor da rotonda é a renovación do firme da calzada, erosionado polo paso do tempo e a exposición ás inclemencias meteorolóxicas. Isto aparellará, ademais, a eliminación dos antigos carrís do tranvía, en desuso actualmente. Igual que noutros treitos do paseo, os raís fóronse soterrando ou retirando para evitar riscos de seguridade viaria.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, indicou que, xa tras a renovación do pavimento, acometeranse as tarefas de sinalización horizontal e pintado.
Ademais, Díaz avanzou que tamén se habilitarán novos espazos de estacionamento en batería nun dos laterais da rotonda, aproveitando a superficie por onde ata agora estaban os raís do tranvía. Gañaranse aproximadamente 30 prazas. Para conseguilo, estase a traballar na demolición dun pequeno illote peonil que servía de plataforma nos anos de uso do tranvía. Os traballos de picado neste illote xa están en marcha.
“A creación desta nova bolsa de estacionamento axudará a aliviar situacións como as que se viven moitas fins de semana na contorna da Cidade Deportiva, polo continuo desprazamento e estacionamento de vehículos por mor das xornadas de fútbol”, razoou Díaz, que lembrou, en todo caso, que a aposta do Goberno de Inés Rey en materia de mobilidade é fomentar o uso do transporte público compartido: “Estamos a valorar as achegas cidadás de cara á configuración dos pregos que rexerán o futuro contrato do servizo de transporte urbano, e cuestións como os desprazamentos á Cidade Deportiva da Torre están sobre a nosa mesa porque somos conscientes de que hai días e picos de máis afluencia”, dixo Díaz.

