A alcaldesa, Sandra Permuy, e a cantareira Gisela Sanmartín protagonizaron un acto emotivo no que se reivindicou o papel da lingua, a cultura e o compromiso coa Galiza do futuro
A conmemoración enmárcase dentro do ciclo “Xullo, mes da Patria”, promovido polo Concello de Fene
O Concello de Fene acolleu este serán o acto institucional central con motivo do Día da Patria Galega, nunha xornada de reflexión e reivindicación arredor da identidade galega, da man da alcaldesa Sandra Permuy e da cantareira Gisela Sanmartín, quen asinou a intervención institucional convidada neste 2025. O acto forma parte do ciclo “Xullo, mes da Patria”, coa que Fene se suma á celebración do 25 de xullo poñendo en valor a lingua, a cultura e a historia de Galiza.
Na súa intervención, a alcaldesa Sandra Permuy destacou a importancia de conmemorar esta data nun ano especial para Galiza, marcado pola celebración do Ano Castelao con motivo do 75 aniversario do seu pasamento. “Castelao foi moitas cousas: artista, escritor, político, galeguista convencido e, por riba de todo, un defensor apaixonado do pobo galego”, lembrou Permuy, quen fixo fincapé na vixencia do seu pensamento: “O seu legado ensínanos que a patria non se mide en mapas, senón en afectos, en dereitos e en vontade de futuro”.
A rexedora tamén tivo palabras de recoñecemento para todas aquelas persoas que, desde o traballo cotián, constrúen país: “Desde Fene, terra de traballo e compromiso, tamén queremos lembrar que esta patria se constrúe cada día, co esforzo da súa xente. Con quen loita por un ensino público en galego, con quen defende o noso mar e os nosos montes, con quen sostén o tecido asociativo, cultural e veciñal, coas mans e co corazón”.
Gisela Sanmartín, voz da tradición e da reivindicación
A protagonista da intervención institucional convidada foi Gisela Sanmartín, quen, como lembrou a alcaldesa, representa o espírito da conmemoración do 25 de xullo: “Exemplo das cantareiras ás que se dedicaron as Letras Galegas, Gisela representa a forza da tradición, da cultura de raíz e da voz das mulleres galegas a través da música popular”.
Permuy quixo agradecer especialmente a súa participación, “brillante e emotiva, que se incorpora á nómina de persoas de recoñecida traxectoria cultural e veciñal que, desde hai máis de quince anos, nos agasallan coas súas verbas nesta data tan simbólica para Fene e para Galiza”.
O acto institucional dá continuidade ás actividades do ciclo “Xullo, mes da Patria”, que inclúe diversas actuacións arredor da identidade galega ao longo de todo o mes.