O proxecto permitirá estender a rede municipal de abastecemento, completar o saneamento no Camiño de Arriba, resolver os problemas de drenaxe na Lagarteira e renovar varios firmes
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o 21 de outubro e as obras terán un prazo de execución de catro meses
O Concello de Fene vén de sacar a licitación por 469.989,79 euros as obras de mellora de servizos e pavimentos na Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira, unha actuación integral e tecnicamente complexa coa que o goberno municipal pretende resolver diferentes carencias en infraestruturas básicas destes núcleos e acometer, ao mesmo tempo, a renovación dos viais afectados.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 21 de outubro. Unha vez completado o procedemento de contratación e iniciadas as obras, a actuación contará cun prazo de execución de catro meses.
O proxecto parte das necesidades existentes nos diferentes núcleos aos que se accede desde a estrada DP-1503. Na actualidade, A Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira presentan carencias no abastecemento municipal de auga potable, mentres que no Camiño de Arriba existen tamén vivendas que carecen de conexión á rede de saneamento.
A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou a importancia dunha actuación que “vai moito máis alá dunha mellora superficial dos camiños, porque estamos falando de levar servizos básicos a vivendas que aínda carecen deles e de resolver ao mesmo tempo problemas de saneamento, drenaxe e pavimentación”.
“É unha obra importante polo investimento, pero sobre todo pola súa complexidade técnica e polo cambio que vai supoñer para a vida diaria da veciñanza destes núcleos. O obxectivo é actuar dunha maneira integral, aproveitar unha única intervención para resolver diferentes necesidades e deixar unhas infraestruturas preparadas para prestar servizo durante moitos anos”, sinalou Permuy.
Nova rede de abastecemento
Unha parte fundamental do proxecto será a extensión da rede municipal de abastecemento de auga potable. Na Calzada executarase un novo ramal conectado coa rede existente na DP-1503, mentres que outro novo trazado permitirá prestar servizo aos núcleos de Arriba, O Revolto e Covelo.
Neste último caso, a propia configuración do terreo e a insuficiente presión da rede xeral fan necesaria unha solución específica. O proxecto contempla a instalación dun grupo de impulsión con dúas bombas e un depósito soterrado de 5 m³, que permitirá garantir o caudal e a presión necesarios para facer chegar a auga ás vivendas.
Na Lagarteira executarase tamén unha nova rede de abastecemento, cun ramal principal que conectará dous puntos da infraestrutura existente e outro secundario en dirección á zona de Orra. O conxunto destas actuacións permitirá ampliar a cobertura da rede municipal e garantir unhas condicións adecuadas de subministración.
Saneamento para o Camiño de Arriba
Outro dos principais capítulos da obra será a extensión da rede de saneamento de augas residuais no Camiño de Arriba, permitindo conectar vivendas que actualmente non dispoñen deste servizo municipal e avanzar na eliminación de sistemas individuais como os tradicionais pozos negros.
A solución combina tramos de condución por gravidade cun sistema de bombeo, necesario polas cotas existentes na zona. As augas residuais serán conducidas ata un novo pozo de bombeo e, desde alí, impulsadas ata a súa conexión coa rede municipal existente.
O sistema incluirá dúas electrobombas, instalación hidráulica, cadro eléctrico e un sistema de telecontrol mediante GSM/4G que permitirá transmitir alertas relacionadas co funcionamento da instalación.
Unha solución aos problemas de auga na Lagarteira
A actuación permitirá abordar tamén un problema recorrente no Camiño da Lagarteira, onde a escorrentía superficial da auga sobre a propia plataforma viaria ten provocado deterioros importantes no firme.
Para corrixilo executarase unha nova rede soterrada de drenaxe de augas pluviais, con tubaxes, pozos de rexistro e sumidoiros que captarán a auga e permitirán conducila ata a rede existente. Deste xeito evitarase que continúe circulando sobre o vial, arrastrando materiais e deteriorando progresivamente a súa estrutura.
“Un dos criterios que seguimos é non limitar as actuacións a reparar unha e outra vez as consecuencias dun problema. Na Lagarteira non tería sentido renovar o firme sen actuar previamente sobre a auga que está provocando o seu deterioro. Deste xeito, primeiro resolvemos a causa e despois renovamos o pavimento”, explicou Sandra Permuy.
Renovación dos firmes
Unha vez executadas as novas redes soterradas, o proxecto completarase coa rehabilitación dos pavimentos. Está prevista a mellora integral de varios tramos do Camiño de Arriba, O Covelo e A Lagarteira, así como dun vial auxiliar que parte deste último, mediante a execución de novos firmes de mestura bituminosa en quente.
Nos primeiros metros do Camiño de Arriba executarase pavimento de formigón, mentres que noutros puntos da Calzada, do propio Camiño de Arriba e do Camiño do Revolto se realizará a reposición das gabias abertas para instalar as novas redes. Na Lagarteira aproveitarase ademais a largura dispoñible dentro do dominio público municipal para mellorar a configuración do vial.
A alcaldesa enmarcou a licitación no obxectivo municipal de “ir dando resposta a necesidades que levan moito tempo pendentes nas parroquias, priorizando aquelas actuacións que permiten mellorar simultaneamente os servizos básicos e o estado dos espazos públicos”.
“Falamos dun investimento de preto de medio millón de euros nunha obra que combina abastecemento, saneamento, drenaxe e pavimentación. É unha actuación ambiciosa, pero sobre todo moi necesaria, coa que seguimos avanzando para que vivir nun núcleo máis afastado ou disperso non implique ter peores servizos públicos”, concluíu Sandra Permuy.

