Kevin Lorenzo e Bieito Beceiro inician o programa de estreas virtuais do Chanfaina lab

Redacción
Lectura mínima de 6

Tal e como prometera, o Chanfaina lab inicia hoxe a subida á rede das curtas da décima edición, estreadas a principios de mes na Casa da Cultura. A partir de hoxe irán publicándose en Youtube a razón de dúas cada venres, empezando hoxe polas pezas dirixidas por dous autores da casa: Kevin Lorenzo que nos ofrece “Consulta aberta” e Bieito Beceiro que nesta edición nos presenta “Guión curta”. Ambas curtametraxes están xa dispoñibles en Fálame de San Sadurniño. Tras delas virán case vinte máis, con temas e tratamentos visuais diversos que, en todo caso, non farán máis que reafirmar a potencia do noso concello como escenario e fonte de inspiración cinematográfica, ademais de canteira de grandes talentos.

A orde das proxeccións virtuais será practicamente a mesma que se seguiu na gala do pasado 7 de marzo, onde quedou patente a vixencia dun proxecto nacido en 2014 que se caracteriza pola convivencia durante unha fin de semana de profesionais do sector con persoas amadoras, que comparten experiencias, coñecementos e apoio mutuo para sacar adiante cadansúa peza, sempre con liberdade creativa e o único requisito de que as obras estean filmadas en San Sadurniño.

Nesta edición volvemos ter de todo en canto a xéneros e estilos, como pasa coa chanfaina -embutido que lle dá nome ao encontro audiovisual- que é unha mestura de ingredientes que en conxunto conforman un todo harmonioso.

Así, polo experimental puro tiraron Area Erina co seu “Rachar en dous”; Gala Rodríguez e Rocío Campoy con “Vacas nocturnas no Forgoselo”; o “Só a través doutros”, de Gon Caride; “A gran porta de Kiev”, de Brandán Cerviño e o videopoema de Anxo Pena Picos “Saudade”. Incluso a peza “Unha persoa, un obxecto” de Iago Lourido podería encadrarse nesta maneira de contar, aínda que o realizador local carga máis na parte documental que na arte e ensaio.

O documental é precisamente outro dos xéneros habituais do Chanfaina lab, ben puro ou ben con influencias doutros. E aquí tamén haberá cousas que saborear nos próximos venres. Abel Vega, representante xenuíno do movemento cine-ollo, mostra en “Ourizo” o seu particular xeito de mirar a natureza. O colectivo A Rigueira aposta en “A derradeira” pola historia local, recreando a xeito de docudrama de interpretación libre o que deberon ser os tempos finais da última moradora do pazo, a marquesa María Natividad Quindós.

Destacan tamén as pezas “Alicia no país do esquecemento”, de Irene Pin, que reflexiona sobre a memoria oral e musical, e a curtametraxe “A pena do trabuco”, onde Crucita de Piñón nos conta a historia dun recuncho situado nas penas do Saíme, xusto fronte ao castelo de Naraío. Con axuda do seu fillo, experto en informática, a autora local aproveita para contar a historia da propia fortaleza valéndose dunha espectacular recreación de imaxes feita con Intelixencia Artificial.

O uso de aplicativos que xeran contidos da nada foi tamén unha constante sobre a que advirte Bieito Beceiro no “Guión curta” que se estrea precisamente hoxe, aludindo á irrupción sen volta atrás da IA na creación. Outras pezas que tamén se valeron desta tecnoloxía para narrar foron “Cando a historia cobra vida”, de Milagros Bará; a comedia negra “Onde Cristo falou con Rosa”, do xenial Pablo Fontenla, e tamén a ficción arredor da memoria “Cóntame a túa historia”, de Carlos Amil, que tamén recorre á IA na súa escena final.

Na relación de audiovisuais que poderemos ver e degustar nas próximas semanas tamén atopamos ficción clásica, empezando pola outra curtametraxe que hoxe se estrea en Youtube, “Consulta aberta”, de Kevin Lorenzo, que malia ser unha historia inventada, ten unha clara inspiración na realidade. Da mesma maneira, o colectivo Teño unha horta tomou como idea o confinamento das galiñas para o seu “Gripe aviar”, que é comedia… pero tamén unha crítica da actualidade cargada de retranca. Un recurso ao que tamén acode Fran Bermúdez na súa curta conspiranoica “O refuxio”, que ben podería ser retrato dunha parte da sociedade actual.

No ámbito das obras de ficción de corte clásico tamén entran este ano por primeira vez The Sun Girls -Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo-, quen cambian o seu rexistro habitual do videoclip para meterse cunha divertida comedia de situación titulada “Mariela” cun final certamente inesperado.

Completan a relación de filmes participantes -e tamén de curtametraxes de estrutura e linguaxe dentro da ortodoxia clásica- os thrillers psicolóxicos “Un segundo”, de Ánxela Arnosa, e “Racamonde”, de NaraíoMedia, que tamén pechará a xeira de estreas virtuais.

Alén das propias películas, que poderemos ver en Youtube, a web Fálame de San Sadurniño tamén nos achegará un resume do seu argumento, acompañado dunha referencia á intención creativa das súas autoras e autores. Ademais, o Chanfaina lab tamén alimentará as súas redes sociais con pequenos reels protagonizados polas chanfaineiras e chanfaineiros da décima edición, como anticipo das estreas de cada venres.

Comparte este artigo