A alcaldesa supervisou o inicio das obras da nova plataforma flotante que albergará zonas recreativas e deportivas
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá o inicio das obras da futura plataforma flotante do paseo do Parrote. No acto participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.
Inés Rey celebrou o investimento que fará o goberno autonómico nesta nova instalación, nun espazo no que o Concello actuou hai tres anos, en xuño de 2022, cunha actuación de mellora do espazo, habilitando o baño. “O Parrote sempre foi a zona de baño preferente de moitos e moitas coruñesas e por iso desde o Concello da Coruña, xa no 2021, iniciamos as xestións para habilitar o baño”, indicou a alcaldesa.
Rey destacou que esta visita do presidente da Xunta á cidade coincide co inicio das obras de reurbanización dos Cantóns, que foron presentadas no seu día de maneira conxunta, sendo consideradas a fase cero da apertura do Porto á cidade. “Moi pronto os coruñeses e coruñesas poderán comezar a visualizar como será a integración porto-cidade, gañando novos espazos para a cidadanía grazas aos traballos que estamos a desenvolver nestes momentos a través de Coruña Marítima”, dixo Inés Rey, que lembrou que este martes comezan os encontros do proceso participativo do proxecto.