Inés Rey e Carolina Darias subliñan a necesidade de “apostar polas persoas como protagonistas da transformación urbana e social das cidades”

adminON
Lectura mínima de 3

A alcaldesa da Coruña recibiu en María Pita á rexedora de Las Palmas de Gran Canaria. No encontro puxeron en conxunto as principais liñas de actuación que se están a desenvolver desde os dous concellos

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta fin de semana en María Pita á súa homóloga na cidade de Las Palmas de Gran Canaria, Carolina Darias. No encontro, celebrado no Palacio Municipal, as rexedoras puxeron en común as principais liñas de actuación que se están a desenvolver desde ámbolos concellos.

Neste sentido, Rey e Darias valoraron as iniciativas de mellora en materia social urbanística e medioambiental que comparten A Coruña e Las Palmas de Gran Canaria, “dúas cidades onde se está a apostar polas persoas como protagonistas da transformación na paisaxe urbana, promovendo iniciativas en materia de mobilidade sostible e renovando os espazos públicos para facelos máis accesibles”, indicou Rey.

As dúas alcaldesas incidiron, ademais, na importancia de naturalizar e reverdecer as cidades “para facelas máis habitables”. No caso da Coruña, esta estratexia contempla, de cara a este ano, a posta en marcha das obras para a creación do parque do Vixía, no barrio de Monte Alto, e o inicio da segunda fase de traballos para a renovación do parque de Santa Margarida. En Las Palmas de Gran Canaria, por exemplo, estase a proxectar un novo corredor verde entre Ciudad Alta e Tamaraceite.

O Plan de Saúde Mental, unha proposta compartida polos dous concellos

Inés Rey e Carolina Darias tamén abordaron polo miúdo dúas cuestións destacadas en materia social. A primeira, a creación de vivenda pública para facilitar o seu acceso a persoas vulnerables, na que os dous concellos contan con iniciativas xa en marcha: na Coruña, a construción dun edificio con cinco vivendas sociais entre as rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás; no municipio grancanario tamén están en marcha promocións públicas nos barrios de Tamaraceite Sur e na rúa León y Castillo.

Por outra banda, tamén se tratou a posta en marcha dun Plan de Saúde Mental, “unha cuestión que debe ser unha prioridade para todas as Administracións públicas”. “Traballar na prevención, promoción e atención á saúde mental esixe facelo desde unha perspectiva de proximidade, estando preto das persoas, e este compromiso é compartido polos concellos da Coruña e Las Palmas de Gran Canaria”, sinalou Inés Rey.

Comparte este artigo