A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto de descubrimento deste distintivo dos grandes persoeiros do Antroido coruñés
José Angel Gago, coñecido pola súa caracterización como ‘La Paca’, foi homenaxeado esta mañá na rúa de San Xosé como Choqueira de Monte Alto 2025, unha distinción acordada por todas as comparsas e que supón a colocación dunha placa co seu nome xunto á que dá nome á rúa. No acto, celebrado na confluencia de San Xosé e a rúa da Torre, participou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
“O Antroido coruñés está cheo de grandes figuras que contribuíron e contribúen a facer desta unha celebración moi singular, por iso desde o Concello estamos levando a cabo accións para poñelos en valor, como o Andar do Antroido o a inclusión do choqueiro do ano no cartel das festas”, indicou Inés Rey. ‘La Paca’ estivo acompañada por unha ampla representación das comparsas coruñesas, grandes impulsoras deste recoñecemento, así como pola cidadanía en xeral, que enche este martes a contorna da rúa da Torre e do Campo da Leña.
A mañá deste Martes de Antroido acolleu tamén diferentes homenaxes a persoas moi ligadas a esta celebración, como Canzobre, Cantero ou Palau. O Campo da Leña abriu o seu escenario ás comparsas para a emisión en directo dun programa especial de Radio Coruña. Pola tarde, o propio escenario do Campo da Leña e o da rúa da Torre acollerán os concursos infantís de disfraces e choqueiros e choqueiras e o concurso de choqueiros e choqueiras, respectivamente.