As invitacións para asistir á actuación só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega
Este venres 10 ábrese o prazo para o repartimento dos pases
O Concello da Coruña organiza o vindeiro venres 17 de outubro unha nova edición do AgoraSón de outono, un evento cultural xa clásico destas datas no Centro Sociocultural Ágora, e que nesta ocasión contará con Lamatumbá en concerto, ás 21.00 horas. Esta iniciativa lévase a cabo co gallo do Día das Bibliotecas.
“Desde o Goberno de Inés Rey promovemos actuacións musicais en galego durante todo o ano e consideramos que este evento está xa consolidado dentro da programación da cidade, buscando tamén crear sinerxías coas persoas usuarias das bibliotecas municipais”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Lamatumbá ten catro discos publicados e multitude de concertos, polo que é unha das grandes referencias da música en galego das festas e verbenas das últimas décadas.
Esta formación ourensá abre agora unha nova etapa, logo do seu regreso aos escenarios hai dous anos, con nova imaxe, novos temas e a intención de reinventarse e seguir sendo referencia no panorama musical galego.
Este verán sacaron un novo tema, Botando leña, que lle dá título á xira. É un berro á resistencia para continuar nun mundo que, en demasiadas ocasións, convida ás derrotas e á rendición. A banda insiste na letra de Botando leña co seu chamamento habitual “á brincadeira”, a un xeito de vivir que xira ao redor do gozo colectivo, “inmune á picadura do fracaso”.
Este ano cumpríronse 20 anos do seu traballo Lume, (para que saia o sol) e o grupo está orgulloso de seguir oíndo nas voces do seu público os temas máis queridos, como o Licor café, o Desertor, o Reagge dos mariñeiros ou o San Benitín. Agora andan celebrando estes vinte anos e seguen “botándolle leña ao forno”.
Segundo AgoraSón deste ano 2025
O AgoraSón lévase a cabo dúas veces ao ano: na primavera -polo Día das Letras Galegase no outono -en conmemoración polo Día das Bibliotecas-. O obxectivo desta proposta é dobre: ofrecer un espectáculo musical nun recinto tan especial como o auditorio do Centro Sociocultural Ágora e, en paralelo, levar a cabo un proceso de dinamización lingüística e de promoción da lectura, xa que as invitacións para asistir ao concerto só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega. O AgoraSón é un dos programas tradicionais de Normalización Lingüística, que xa tivo nos seus carteis a artistas da categoría das Tanxugueiras, Mercedes Peón, Ruxe Ruxe, Luar na Lubre ou Boyanka Kostova.
Como e onde obter os pases?
O concerto terá lugar o venres 17 de outubro, ás 21.00 horas, e só será posible a asistencia entregando a invitación previamente retirada nas Bibliotecas Municipais. O repartimento destas invitacións comezará o venres 10 de outubro, e cada persoa poderá retirar, como máximo, dúas invitacións, que son sen numerar. Repartiranse, ata esgotárense, co préstamo de material en lingua galega (libros, películas, CDs de música etc.) nas bibliotecas municipais, no horario de apertura de cada centro.
Faranse dúas quendas de repartimento, con horario de mañá a partir das 9.00 horas e con horario de tarde a partir das 16.00 horas. De sobraren invitacións, estarán ao dispor do público o día do concerto (17 de outubro) a partir das 20.00 h na conserxería do Centro Ágora.