A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a Programación de Lecer Educativo que se desenvolverá nos colexios públicos da cidade no exercicio 2026-27
En paralelo, o Goberno local está a ultimar un programa pioneiro con actividades específicas para o alumnado do centro de educación especial Nosa Señora do Rosario
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá de que o proxecto educativo e cultural Chorus, promovido polo Concello, incorporarase no vindeiro curso 2026-27 á programación de Lecer Educativo, impulsada en colaboración coa Federación de ANPAS e na que este ano participan 2.600 alumnas e alumnos. Chorus, que viviu este curso a súa primeira edición, concibiuse como un programa para a formación de coros infantís, culminado cun espectáculo final no Coliseum, que tivo lugar no Coliseum en xaneiro deste ano. Máis de 6.000 persoas disfrutaron dun concerto único, no que participaron máis de 640 persoas pertencentes a diversos centros educativos, agrupacións corais e orquestras da Coruña.
“Chorus é o exemplo de que, sumando esforzos e ideas, A Coruña ten os vimbios necesarios para ir un paso máis alá na creación de ferramentas corais de aprendizaxe e convivencia. Agora, o plantexamento previsto é avanzar neste camiño e, por iso, Chorus entrará deste o vindeiro curso nas actividades extraescolares. É dicir, farase dentro e fóra do horario lectivo, coa finalidade de facer partícipes a moitas máis nenas e nenos, tamén a máis profesorado”, avanzou Inés Rey, acompañada esta mañá polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, e pola presidenta da Federación de ANPAS, Lidia Paz.
O programa realizarase baixo a supervisión do Concello e coa coordinación de Fernando Briones, director da Orquestra Gaos e profesor do Conservatorio Superior de Música.
A programación de Lecer Educativo susténtase en cinco eixos
A incorporación de Chorus á programación de Lecer Educativo supón unha das principais novidades na folla de ruta prevista polo Concello e a Federación de ANPAS con vistas ao curso 2026-27, sustentada en cinco eixos.
O segundo deles será o programa Cóxegas, que ofrece unha solución para a conciliación familiar e laboral no propio centro educativo ao longo de tres semanas no mes de setembro.
As nenas e nenos participantes tomarán parte en xogos, actividades deportivas e lúdicas, tamén en emocionantes aventuras nas que se promoven hábitos, normas de convivencia e se fomenta o desenvolvemento cognitivo, psicomotor e social.
“Polas datas nas que se leva a cabo, coincidindo co final da tempada estival e das vacacións, posibilita dispor dunha solución de transición en termos de conciliación. É unha cuestión importante, porque entendemos que este tipo de ferramentas teñen un impacto positivo nas familias á hora de normalizar a volta á rutina”, razoou a alcaldesa.
En setembro do ano pasado, Cóxegas contou coa participación de máis de 400 escolares pertencente a 19 centros educativos coruñeses, tanto de colexios como de centros de educación especial.
Ademais, actividades culturais, deportivas e de formación en idiomas
Os outros tres eixos da programación de Lecer Educativo serán as actividades artísticas, culturais, deportivas e formación en idiomas que se ofertarán de outubro a xuño a alumnas e alumnos dun amplo rango de idades, desde Infantil á FP.
A oferta de Arte e Cultura inclúe actividades de teatro, lóxica matemática, ciencia e maxia, expresión plástica, novas tecnoloxías e aprendizaxe da linguaxe de signos. A de Deporte no Centro busca fomentar a práctica de actividade física e os hábitos saudables entre os máis pequenos e os que xa son máis mozos. E a de Idiomas no Centro, dirixida ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria, promove a aprendizaxe de inglés e francés para fomentar a súa comprensión e o desenvolvemento da expresión oral por parte das rapazas e rapaces.
Un investimento de 450.000 euros no programa de Lecer Educativo
O Concello destina 450.000 euros de investimento á programación de Lecer Educativo que se executa coa implicación da Federación de ANPAS.
Hoxe, a presidenta da federación, Lidia Paz, lembrou que “este tipo de programas son moito máis que unha oferta de actividades extraescolares: son espazos de convivencia, aprendizaxe e de igualdade de oportunidades para moitas nenas e nenos, que acceden a experiencias que, doutro xeito, non serían posibles”.
Paz tamén puxo en valor a labor das ANPAS e as persoas voluntarias, “nais e pais que adican tempo, ilusión e esforzo de forma altruista para mellorar o día a día das familias e dos centros educativos, porque a escola pública non é só o que pasa dentro das aulas, tamén é todo o que se constrúe fóra delas”.
Un programa específico para o CEE Nosa Señora do Rosario
Na rolda de prensa desta mañá, o edil Juan Ignacio Borrego tamén adiantou que, por outra banda, o Concello está a ultimar un proxecto piloto específico de actividades para o CEE Nosa Señora do Rosario, cun programa pioneiro co apoio de organismos e asociacións no eido da inclusión e integración.
“Será un programa específico para as súas necesidades. Son rapazas e rapaces que merecen toda a dedicación para poder desenvolver estas actividades extraescolares coa mellor dignidade e as mellores posibilidades”, indicou Borrego.

