O alcalde, Daniel Pérez, xunto cos concelleiros Mar Eirís e Ramón Varela, visitaron o centro social de Aldemunde, que se sumou ao programa este curso
O programa de exercicio físico para maiores, promovido polas concellarías de Terceira Idade e Deportes, encara a súa semana de clausura tras varios meses de intensa actividade orientada a promover o envellecemento activo, a saúde e a autonomía das persoas de máis idade. Cun balance moi positivo en todo o concello, no que máis de 700 persoas maiores de 65 anos realizan de xeito continuado unha práctica deportiva adaptada ás súas condicións físicas, o peche desta edición tivo hoxe un protagonismo especial na parroquia de Aldemunde.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez; a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, e o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Varela, desprazáronse esta mañá ata o centro social de Aldemunde para acompañar ás alumnas na penúltima sesión de exercicio do curso. A parroquia máis pequena e menos poboada do concello foi a última en sumarse ao programa, este mesmo ano, pero a acollida foi excelente.
Máis alá dos evidentes beneficios físicos, o programa gratuíto de exercicio físico para maiores cumpre unha función afectiva e social indispensable, xa que axuda a combater o illamento e reforzando a autonomía persoal e o benestar dos nosos maiores na súa propia contorna.
A raíz da dinamización do centro social, no que, ademais da ximnasia, tamén se realizaron actividades lúdico-formativas para maiores de 60 anos, o Concello de Carballo, a través das concellarías de Cultura e Participación Veciñal, vén de realizar unha pequena reforma para adaptalo ás novas necesidades. Os traballos de mellora incluíron a instalación dun novo solo de tarima, a pintura interior e unha posta a punto xeral do inmoble, que agora é un espazo moito máis confortable, moderno e axeitado tanto para o desenvolvemento da actividade física como para o resto de iniciativas.
Desde as concellarías de Terceira Idade e Deportes coinciden en salientar a importancia estratéxica de descentralizar estas actividades e achegalas ás diferentes parroquias, como se vén facendo nos últimos anos.

