Abertas as inscricións na derradeira etapa: Bertamiráns-Santiago, que terá lugar este domingo 14 de xuño
Algo máis de medio cento de persoas participaron onte domingo na segunda etapa das andainas polo Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia organizadas polo Club de Xubilados de Lousame, en colaboración co Concello lousamiá. Unha ruta que discorreu entre Fontefría e Bertamiráns, coa praza de Portobravo como punto de encontro para a saída e chegada do autobús.
O tempo acompañou e a andaina arrincou guiada polo técnico municipal de Deportes, Germán Romero, quen estivo asistido polo técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, e varias persoas integrantes do voluntariado lousamiá. Unha etapa á que se sumaron Francisco Avelino García e Isabel González, presidente e vicepresidenta do Club de Xubilados de Lousame; así como José Antonio Ces, concelleiro de seguridade viaria, e Yésica Fernández Míiguéns, concelleira de Protección Civil. Tecnicamente foi a etapa máis sinxela, pois foi un percorrido practicamente chan ou con pendentes descendentes.
Derradeira etapa
Así mesmo, o Club de Xubilados de Lousame abriu esta mañá as inscricións na derradeira etapa, que terá lugar o domingo 14 de xuño, entre Bertamiráns e a praza do Obradoiro: 14 quilómetros de dificultade media, xa que hai algunha subida á entrada de Compostela.
As inscricións están abertas no Club de Xubilados de Lousame, na páxina web www.bandoticket.com ou enviando un whatsapp ao 653 22 16 55. O prezo por participar é de 5 euros, para custear autobús que levar aos camiñantes da Praza Teodomiro Hidalgo ata a praza Rego do Ameneiral (Bertamiráns) e de volta dende Compostela.

