HomeA CoruñaMáis dun cento de persoas participaron no encontro interxeracional de peche do...

Máis dun cento de persoas participaron no encontro interxeracional de peche do proxecto Fene 1941

- Anuncio -spot_img

A cita serviu para recoñecer o papel das entidades veciñais e compartir a memoria viva do estaleiro

A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou a importancia de preservar e transmitir a historia común de Fene

O Concello de Fene celebrou este sábado, na ACRD O Pote de Maniños, o encontro interxeracional de clausura do proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro”, que reuniu a máis dun cento de persoas entre participantes, representantes de entidades, público e membros da corporación municipal.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, quen subliñou que “este proxecto é o abrazo simbólico entre xeracións, entre quen construíron o noso pasado e quen seguen escribindo o futuro de Fene”. A rexedora agradeceu o compromiso das sociedades e das persoas que compartiron os seus recordos, e destacou que “o estaleiro non é só un lugar de traballo, senón un símbolo de identidade, de esforzo e de orgullo colectivo”.

No encontro participou tamén a directora de Navantia Fene, Carla Chawla, quen agradeceu ao Concello o impulso de iniciativas como Fene 1941, “capaces de poñer en valor a historia común e o talento das persoas que fixeron posible o desenvolvemento industrial e social da comarca”.

Durante o evento proxectouse un vídeo resumo de 15 minutos coas imaxes dos encontros e actividades do proxecto. A partir da semana que vén, poderanse ver na canle de YouTube do Concello de Fene un total de 29 vídeos —8 grupais e 21 entrevistas individuais— que recollen o conxunto de testemuños e gravacións realizadas ao longo dos últimos meses.

Exposición, publicación fotográfica e recoñecemento ás entidades

O encontro tamén serviu como escenario para a presentación da exposición e publicación fotográfica do proxecto, que tivo moi boa acollida entre o público asistente, e todas as persoas participantes recibiron un exemplar como recordo do seu paso por esta iniciativa.

O acto incluíu ademais un recoñecemento ás oito entidades veciñais e culturais que colaboraron co proxecto, que recibiron unha lámina conmemorativa cedida polo artista Xaquín Marín: CMIU Fene, CPS San Valentín, AVV Sillobre, ACRD Agarimo Sillobre, AVV Limodre, AVV Magalofes, Liga de Amigos de Barallobre e ACDR O Pote.

O proxecto Fene 1941 desenvolveuse nos anos 2024 e 2025 e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galiza.

Publicacións Relacionadas