Destinaranse 496.708,29 euros do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, namentres que para o financiamento de gastos sociais extraordinarios, a partida situarase nos 113.485,52 euros.
O Concello de Malpica debateu onte o destino das partidas do Plan Único da Deputación Provincial da Coruña para este exercicio. A Administración local contará con 496.708,29 euros do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, e 113.485,52 euros para o financiamento gastos sociais extraordinarios.
Así, a proposta para o reparto de gasto será a seguinte: Destinaranse un total de 59.531,43 euros a pago a provedores; 56.425,94 euros a gasto corrente; 94.445,27 euros para a separación de pluviais e un novo pavimento en Camiño do Río; 36.379,90 euros á reforma do Centro Social das Pozacas; 191.506,70 euros para a construción dunha cuberta do parque infantil de Malpica de Bergantiños, para que a rapazada poida desfrutar deste espazo tamén con climatoloxía adversa e que sufragará tamén os problemas de humidade e goteiras existentes no edificio do Mercado municipal, e 58.419,04 euros para a pavimentación do camiño da Camposa a Buño.
Inclusións no Plan Complementario
O Concello de Malpica incluirá no Plan Complementario 2021 os seguintes investimentos financeiramente sostibles: 97.559,78 euros para melloras e mantementos no camiño da Besugueira, en Barizo; 99.122,62 euros para melloras na capa de rodadura no camilo de Cambre á Pedrosa e no camiño na Raxeira; 39.996,03 euros á renovación do parque infantil na rúa Xaviña-Buño e 46.459,47 euros na mellora da estrada de Campelo a Barizo.
Gastos sociais extraordinarios
Así, o Concello de Malpica contará cunha partida de 113.485,52 euros, destinada a gastos sociais extraordinarios, que son aportados pola Deputación Provincial debido á incidencia da covid-19.
Reforzo de persoal, técnico e/ou administrativo adscrito aos servizos sociais; ampliación e dotación das partidas destinadas a garantir os ingresos suficientes ás persoas soas ou familias, maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero; ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades; reforzo dos servizos e axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación e adquisición de medios de prevención destinados aos profesionais dos servizos sociais serán as principais áreas ás que se destinará esta contía.