Mila Castro: “Que o PP sexa corresponsable do problema estrutural do SAF en Galicia, non exime ao goberno local da súa neglixencia da xestión do servizo”

Redacción

• A concelleira non adscrita defende que se garantan as condicións laborais das traballadoras da Servizo de Axuda no Fogar.
• Castro sinala ao PP como “corresponsable do problema estrutural do SAF” e critica a “dobre vara de medir” do goberno municipal.

Mila Castro denunciou a falta de financiamento da Xunta de Galicia e a falta de xestión municipal no incumprimento das condicións laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na sesión plenaria correspondente ao mes de outubro. A concelleira non adscrita amosou ou seu apoio ao persoal do SAF e sinalou que tanto o Partido Popular como o goberno local son culpables da situación que o persoal está a vivir.

Un dos puntos principais do pleno de outubro, e que contou co voto favorable das concelleiras Non Adscritas, tivo que ver co control do contrato do SAF e coa mellora das condicións na nova licitación que se está a facer para o mesmo. Mila Castro defendeu a postura do seu grupo xustificando que esta xa era unha iniciativa que elas mesmas levaran ao pleno do 17 de xullo, “cando cualificamos de insostibles as condicións das traballadoras do SAF e esiximos auditar a concesionaria e abrir de inmediato unha nova licitación”, indicou.

Nesta liña, Castro estableceu unha serie de diferencias entre as concelleiras non adscritas e o PP, quen presentou a proposición. Ao seu ver, as explicacións do grupo municipal popular non contemplaban as competencias económicas que a Xunta de Galicia ten no SAF. A edil apuntou que “quen asfixia” este servizo “en todos os Concellos de Galicia, non só no Concello de Santiago, é a Xunta do PP”.

Durante a súa intervención, explicou que as achegas económicas que o goberno autonómico destina aos municipios é insuficiente, especialmente, cando a reforma da normativa de dependencia amplía as tarefas do persoal. Segundo Mila Castro, a Xunta “obriga aos concellos e ás traballadoras a asumir máis obrigacións sen poñer os cartos enriba da mesa”.

A concelleira non adscrita, quixo deixar claro que o apoio á proposición do PP, debíase a unha cuestión de responsabilidade e coherencia coas traballadoras do SAF, mais destacou que desde San Caetano tamén se ten que atender esta cuestión.

Nin demagoxia na oposición, nin parálise no goberno

Mila Castro tamén tivo tempo de reclamarlle ao goberno municipal a neglixente xestión deste contrato, tal e como indicou. Para a concelleira non adscrita, que “o PP sexa corresponsable do problema estrutural do SAF en Galicia”, non implica que o executivo local non teña parte de culpa da situación das traballadoras do servizo en Santiago de Compostela.
A edil lembrou que o seu grupo leva tempo reclamando ao executivo local atención e actuación nesta cuestión. “Xa llo advertimos con total claridade en xullo”, mes no que as traballadoras aínda non cobraran a paga extra e sufriran recortes nas prestacións, indicou Mila Castro.
“Nin a demagoxia na oposición, nin a parálise no goberno”, reprochou Castro en referencia á diferente postura que o BNG mantivo na oposición, esixindo no anterior mandato que o executivo actuase como “patrón en cada conflito”. Mentres que agora, se “pon de perfil”, apuntou a concelleira non adscrita.

Desta maneira, Mila Castro sinalou que “o concello ten dúas obrigacións inescusables hoxe mesmo”: primeiro, actuar como mediador entre empresa e traballadoras e, segundo, garantir o cumprimento das obrigas económicas e laborais da concesionaria, incluso sendo unha relación laboral privada.

Castro rematou o seu tempo reforzando o seu apoio e compromiso coa protección de “quen coida das nosas persoas maiores e dependentes” e esixiu unha maior xestión ao goberno municipal.

Comparte este artigo