Coincidindo co 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, o Concello de Neda poñía en marcha a campaña divulgativa “Estamos aquí”. Unha iniciativa destinada a dar a coñecer os servizos e recursos dos que poden botar man as veciñas de Neda, vítimas deste tipo de violencia, para tentar deixar atrás esa situación que, en moitas ocasión, padecen durante anos.
O goberno local iniciaba esta mañá a publicación nas sociais municipais da primeira das seis breves pezas audiovisuais que integran a campaña, centrada nos profesionais que atenden ou poden atender e acompañan ás nedenses que padecen algún tipo de violencia (psicolóxica, física, sexual, económica, vicaria, dixital…) por parte dun home, manteñan ou non relacións de afectividade, polo mero feito de ser mulleres.
Así, a campaña arranca dando voz a profesionais que están ao fronte de servizos cruciais na detección deste tipo de violencia. É o caso do centro de saúde de Neda-protagonista da primeira peza audiovisual- dos Servizos Sociais municipais ou do IES Fernando Esquío.
A serie porá o foco xa a vindeira semana no servizo de atención ás vítimas do xulgado de Ferrol, no papel da Garda Civil na protección ás vítimas, e no acompañamento xurídico ao que teñen dereitos as mulleres que sofren violencia de xénero.
A campaña “Estamos aquí” forma parte da programación especial deseñada polo goberno de Neda para conmemorar o 25N, e foi impulsada co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.