HomeA CoruñaNeda promocionará o seu pan e os seus principais reclamos turísticos en...

Neda promocionará o seu pan e os seus principais reclamos turísticos en Primavera no Camiño inglés

- Anuncio -spot_img

O Concello de Neda participará a vindeira fin de semana na nova edición de “Primavera no Camiño Inglés”. O evento, destinado a exaltar a cultura, a gastronomía e patrimonio natural e histórico desta ruta xacobea, terá lugar este sábado, 31 de maio, en Miño.

O pan de Neda, produto estrela da gastronomía local, marcará a presenza do municipio neste evento, pensado para o desfrute en familia, que converterá ao Parque da Rúa en escaparate dos atractivos turísticos da ruta, que sae do peirao de Curuxeiras, en Ferrol – tamén da Coruña- e pasa por media ducia de localidades de Ferrolterra e do Eume.

A administración local contará cun stand promocional no que o público asistente poderá informarse sobre os principais recursos turísticos do municipio- a fervenza do Belelle, o casco histórico, a Festa do Pan- e facerse con material divulgativo.

Aínda que a presenza de Neda no evento, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, incluirá moito máis. Así, o público poderá comprobar o porqué da sona dos produtos elaborados dos fornos locais, grazas a unha degustación de empanada e de doces e, á tardiña, haberá obradoiros de elaboración de pan para os máis pequenos da casa.

Co auxe do turismo cultural e o crecente interese polo Camiño de Santiago, esta iniciativa busca tamén dar visibilidade a unha das rutas menos masificadas, e cun enorme valor histórico e paisaxístico. A edición 2025, que conta co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Miño, desenvolverase entre as 11 e as 20 horas e manterá o espírito festivo de anos anteriores, con actividades para todos os públicos.

Publicacións Relacionadas