Nereida Canosa acompaña ao ministro de Transformación Dixital, José Luis Escrivá, na visita ás instalacións do CITIC

adminON
Lectura mínima de 2

A concelleira de Innovación destacou o apoio do Concello ao sector TIC coa aposta polas infraestruras tecnolóxicas como a Cidade das TIC e a Axencia Española da Supervisión da Intelixencia Artificial

A concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, acompañou esta mañá ao ministro de Transformación Dixital e Función Pública, José Luis Escrivá, na súa visita ao Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e Comunicación (CITIC) onde mantiveron unha reunión coa dirección e equipo investigador do centro. O ministro puxo en valor o traballo realizado pola UDC en materia de procesamento da linguaxe natural, unha das ramas máis importantes da invetigación tecnolóxica.

Canosa destacou o apoio do Concello da Coruña ao sector TIC coa aposta polas infraestruras tecnolóxicas como a Cidade das TIC e a Axencia Española da Supervisión da Intelixencia Artificial e sinalou a importancia de achegar a academia á empresa. Na reunión estiveron presentes Manuel G. Penedo, director do CITIC; Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC; o vicerreitor da UDC, Jerónimo Puertas; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; acompañados por unha delegación de investigadores do CITIC.

O ministro situou a Cidade das TIC como unha referencia en España e comprometeuse a seguir colaborando no desenvolvemento tecnolóxico da Coruña, con interese nos proxectos do CITIC en materia de intelixencia artificial aplicada á saúde e á accesibilidade.

Comparte este artigo