HomeA CoruñaO alcalde e a conselleira de Vivenda avanzan na tramitación dos proxectos...

O alcalde e a conselleira de Vivenda avanzan na tramitación dos proxectos de construción de vivenda pública e de reforma integral da Avenida de Fisterra

- Anuncio -spot_img

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantiveron este martes unha proveitosa xuntanza en San Caetano, na que se produciron importantes avances en dous proxectos tan destacados e necesarios para o noso concello como a construción de vivenda pública e a reforma integral da Avenida de Fisterra. Á reunión asistiron, en representación do concello, o concelleiro de Contratación, Ramón Varela, e o enxeñeiro José Facal; mentres que por parte da Administración autonómica tamén estiveron presentes o director xeral de Infraestruturas e a xefa territorial.

Tanto desde a consellería coma desde o goberno municipal fíxose unha valoración positiva do encontro. María Martínez subliñou o compromiso de colaboración cos concellos para impulsar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía e a reforzar a competitividade económica. Evencio Ferrero, pola súa banda, puxo en valor os acordos alcanzados, que permitirán dar resposta, por unha banda, á necesidade de vivenda para que Carballo poida seguir fixando poboación e medrando dun xeito ordenado, e, por outra, acometer por fin o arranxo dunha vía de titularidade autonómica que é das máis transitadas e en peor estado da zona urbana.

Con respecto á vivenda de promoción pública, por parte do Concello de Carballo xa se teñen iniciado os trámites para a cesión dunha parcela de 1.998 metros cadrados á Xunta de Galicia. O expediente está agora en fase de exposición pública, e está previsto que sexa aprobado polo pleno da corporación na sesión ordinaria de xullo. A partir dese momento será remitido á Consellería de Vivenda, cuxa titular adquiriu o compromiso de encargar de maneira inmediata o proxecto de execución.

En canto á Avenida de Fisterra, o goberno municipal de Carballo presentou na xuntanza de hoxe un anteproxecto de reforma integral valorado en dous millóns de euros. Na reunión acordouse que por parte do Concello se encargará xa o proxecto definitivo para poder asinar este mesmo ano un convenio de colaboración a tres anos entre as dúas Administracións, de xeito que a obra poida estar executada no 2028.

Publicacións Relacionadas