HomeA CoruñaO alcalde recibiu no concello ao C.B Laracha tras proclamarse campioas da...

O alcalde recibiu no concello ao C.B Laracha tras proclamarse campioas da 1ª División Autonómica

- Anuncio -spot_img

A próxima temporada será o primeiro club larachés que competirá en categoría nacional.

O Salón de Plenos do Concello da Laracha acolleu a recepción oficial do alcalde ao cadro de xogadoras, corpo técnico -co adestrador Sito Cabado- e directiva do Club Baloncesto Laracha -encabezada pola presidenta Belén Fernández- en recoñecemento á histórica campaña 2024-2025 do equipo sénior feminino, patrocinado por Voladuras y Transportes Blanco, na que se proclamaron campioas de 1ª Autonómica e lograron o ascenso a categoría nacional. Tamén asistiron ao acto afeccionados do club.

José Manuel López Varela destacou que “hai apenas un ano celebrabamos o ascenso á 1ª Autonómica, e hoxe estades de novo aquí, pero para festexar algo moito máis grande: o titulo de campioas e o salto á competición nacional por primeira vez na historia dun club de Bergantiños e a Costa da Morte”. Tamén puxo en valor o esforzo dun equipo que, malia comezar a temporada con dificultades por mor das lesións, logrou refacerse nunha segunda fase impecable, cunha única derrota, e vencendo nos dous partidos decisivos da final a catro celebrada no Porriño.
O rexedor realizou unha mención especial ás dúas xogadoras larachesas do equipo, Lucía Díaz, a capitana, e Daniela Cabado, esta última aínda en idade cadete pero competindo xa co equipo sénior. Referíndose a todo o cadro de xogadoras, afirmou que “sodes un exemplo para as novas xeracións e a demostración de que o traballo de base dá froitos”.

Neste sentido, tamén se puxo en valor o labor que desenvolve o Club Baloncesto Laracha, cun total de 10 equipos federados e 111 fichas, traballando con todas as categorías, tanto femininas como masculinas e mixtas. A colaboración entre o club e o Concello é continua, coa cesión de instalacións deportivas municipais e apoio económico e institucional estable que permite seguir medrando e consolidando o proxecto deportivo.

O Concello felicita ao C.B. Laracha Voladuras y Transportes Blanco e reafirma o seu compromiso co deporte local, especialmente coa promoción do deporte feminino, da canteira e dos valores de superación, igualdade e traballo en equipo que representa este equipo histórico para o municipio.

Publicacións Relacionadas