O BNG propón aumentar o investimento en benestar animal e consolidar avances en Ribeira

Redacción
Lectura mínima de 3

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presenta ao vindeiro pleno unha iniciativa destinada a reforzar a partida económica de Benestar Animal, co obxectivo de consolidar os avances realizados nos últimos anos e continuar mellorando as condicións de vida dos animais no municipio.

A proposta céntrase, fundamentalmente, na necesidade de garantir unha campaña anual de castración de colonias felinas, unha medida necesaria para o control da poboación de gatos que hai en determinadas parroquias e barrios e para evitar problemas derivados da súa reprodución descontrolada. Ademais, os nacionalistas tamén pretenden que se inste á Xunta de Galiza a incrementar as axudas destinadas a este ámbito, co fin de apoiar o labor dos concellos e das entidades colaboradoras.

A concelleira do BNG, Antía Alberte, destacou que “é fundamental dar continuidade ao traballo feito e non retroceder nun ámbito tan sensible como o benestar animal. As colonias felinas precisan planificación, control e recursos, e as campañas de castración son a ferramenta máis eficaz para garantir o seu equilibrio e evitar a súa proliferación desmedida”.

Alberte lembrou que durante a etapa de goberno de Luís Pérez Barral xa se puxeron en marcha diferentes accións, como campañas de esterilización, iniciativas de concienciación, instalación de casetas ou a creación da figura das alimentadoras felinas, en colaboración con entidades que coidan dos animais. “Falamos dunha demanda crecente da veciñanza, dun compromiso ético cos animais e tamén dunha cuestión de convivencia. Investir en castración é garantir que a poboación felina non se dispara e evita problemas”, engadiu.

Pola súa banda, o exalcalde Luís Pérez Barral puxo en valor outras medidas impulsadas durante o seu mandato, como a habilitación de cinco praias para mascotas en distintas parroquias do municipio. “Ribeira converteuse nun referente ao habilitar espazos para o desfrute responsable dos animais, compatibilizando o seu uso coa protección do medio natural”, sinalou.

Pérez Barral incidiu en que “o traballo en benestar animal non se ve dun día para outro e por iso require planificación e investimentos a medio e longo prazo, algo que puxemos en marcha durante o noso goberno, sempre da man das asociacións e das persoas voluntarias que traballan diariamente coidando dos animais”. Ademais, subliñou que este tipo de políticas “responden a unha demanda social real e contribúen a construír unha sociedade máis respectuosa e comprometida coas mascotas”.

Dende o BNG destacan que esta iniciativa nace tamén do sentir de moitas persoas comprometidas coa protección animal, e aseguran que seguirán impulsando medidas que melloren a vida dos animais en Ribeira, atendendo a unha demanda social crecente e avanzando, paso a paso, cara a un concello máis respectuoso, responsable e comprometido co coidado das persoas pero tamén dos animais.

Comparte este artigo