O BNG propón destinar os novos 480.000 euros da Deputación a mellorar os servizos básicos das parroquias de Ribeira

Redacción

Luís Pérez Barral presenta unha relación de actuacións en nove parroquias para avanzar no saneamento, o abastecemento de auga potable, a pavimentación de estradas e a mellora das beirarrúas.

O BNG vai defender unha proposta para que os 480.000 euros que o Concello de Ribeira recibirá da Deputación da Coruña se destinen a actuacións que melloren os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza das parroquias. A iniciativa pon o foco en necesidades concretas que os nacionalistas foron recollendo en encontros veciñais, como a ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga potable, a renovación de pavimentos e a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria.

Esta é a segunda achega logo dunha primeira a comezos de ano que ascendía a 1,3 millóns de euros, por tanto Ribeira recibiu 1,7 millóns de euros directos da Deputación da Coruña neste ano 2026 para destinalos a necesidades do municipio.

“Temos que aproveitar cada euro que chega a Ribeira para mellorar a vida da xente. As parroquias teñen demandas moi concretas e non podemos deixar pasar oportunidades para avanzar no saneamento, na auga potable, nas estradas e na accesibilidade. Son actuacións que poden parecer pequenas, pero que teñen unha repercusión enorme no día a día de moitas familias”, sinala Pérez Barral.

O portavoz nacionalista denunciou que o PP de María Sampedro xa comezou a reducir a política de investimentos nas parroquias que estaba facendo o BNG. A formación nacionalista advirte de que o PP volverá ter a tentación de destinar estes cartos a gasto corrente como fixo en febreiro deste ano cando aprobou destinar 400.000 euros dos 1,3 millóns a gasto corrente, en lugar de dedicar esa contía a novas obras e melloras nas parroquias.

“Están a mentirlle á veciñanza cando fan un encontro e lles din que non hai cartos. Hainos para o que o PP quere pero para as demandas da veciñanza nunca hai” recriminou. “Se o goberno municipal volve destinar estes novos fondos a gasto corrente suporía deixar de facer investimentos importantes nas parroquias e a veciñanza do rural paga os mesmos impostos que a do centro urbano”, afirma Luís Pérez Barral.

Ademais, Luís Pérez Barral puxo en contexto estes investimentos lembrando que o BNG foi quen de mobilizar 5,5 millóns de euros para ampliar servizos básicos e espazos públicos nas parroquias e deixando consignados outros 1,5 millóns para actuacións que se van desenvolver neste ano 2026. “Consignamos nas parroquias cifras históricas chegando a un total de 7 millóns de euros” salientou, a pesar da complexa situación económica herdada do anterior goberno do Partido Popular cunha débeda de 13 millóns de euros.

Unha Ribeira mellor, coidando as parroquias

En Artes, o BNG propón a pavimentación e a construción de beiravías na estrada de Outeiro a Gude. En Corrubedo, a reforma da rúa número 6, mentres que en Castiñeiras reclama a pavimentación da estrada que comunica os lugares da Aldea e Poi.

En Oleiros, a formación nacionalista aposta polo arranxo do paseo do río Artes e por continuar coa extensión da rede de saneamento. Para Olveira, propón pavimentar a pista de Sirves e mellorar a accesibilidade mediante novas beirarrúas desde a igrexa ata a Casa da Cultura.

No caso de Carreira, as actuacións céntranse na renovación das beirarrúas do Vilar e na mellora dos servizos de saneamento e abastecemento, xunto coa pavimentación da zona da Parte ao Río. En Palmeira, o BNG propón acometer a segunda fase da renovación do saneamento, da auga potable e da pavimentación da rúa Agriña, así como iniciar a primeira fase da rede de saneamento en Cudieiros.

En Aguiño, a proposta contempla a segunda fase do abastecemento de auga potable na rúa da Cerca, acompañada da pavimentación desta vía. Finalmente, en Ribeira, o BNG inclúe a pavimentación da rúa Barreiro.

Pérez Barral destaca que esta relación de actuacións responde a necesidades trasladadas pola propia veciñanza e ao traballo de seguimento que a formación nacionalista realiza nas distintas parroquias. “Non estamos falando de grandes anuncios nin de proxectos afastados da realidade. Estamos falando de arranxar unha estrada, levar saneamento onde aínda non chega, mellorar o abastecemento ou facer unhas beirarrúas polas que a xente poida camiñar con seguridade”, explica.

O portavoz do BNG conclúe reclamando ao goberno local que escoite estas propostas e aproveite os recursos dispoñibles para avanzar nun investimento máis equilibrado en todo o municipio e non só destinar cartos ao centro urbano. “Queremos unha Ribeira mellor na que vivir nunha parroquia non signifique ter menos servizos nin menos oportunidades. Todas as persoas merecen contar con servizos básicos independentemente do lugar no que vivan”.

Comparte este artigo