A Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva de Santa Mariña do Monte estreará este sábado o tempo de entroido de San Sadurniño cun xantar popular que se celebrará, baixo carpa, ao pé do local social da Golpilleira.
A iso das 13:00h haberá unha pequena sesión vermú animada pola solista Marisol e, deseguido, servirase un cocido con todo o que se espera do rei da mesa no carnaval: sopa, cocido, sobremesa, pan, bebida e café.
O prezo do cuberto son 27€ para as persoas socias da entidade e 32€ para as non socias. A rapazada menor de 10 anos, gratis. Hai máis información no 630 811 062 ou no 607 619 310.
Pola tarde, despois de xantar e apousar a comida devagar, actuará a agrupación Los Nostálgicos seguida de novo de Marisol, quen animará o baile de máscaras.
O entroido do Concello, o venres 28
A seguinte cita entroideira en San Sadurniño será a que organice o Concello na tarde e na noite do venres 28 de febreiro, ás portas da fin de semana grande das festas máis irreverentes do ano.
A área de Cultura preparou un programa que estará dedicado á rapazada entre as 18:30 e as 20:15h, mentres que a festa para o público en xeral comezará ás 21:00h.
Entre as nenas e nenos repartiranse seis premios canxeables na libraría Brétema (1º e 2º premio nas categorías individual, parellas e familiar).
Na festa da noite entregaranse sete premios, canxeables neste caso nos restaurantes do municipio: dous vales de 35€ en xuvenil individual, dous polo mesmo importe no apartado de persoas adultas que participen individualmente, outros dous premios de 120€ cada un para grupos de ata 8 persoas e, por último, un vale de 280€ para a mellor comparsa, que deberá contar con máis de 8 integrantes e animación musical.
As inscricións poderán formalizarse do 17 ao 27 de febreiro na Casa da Cultura ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Tamén se poderán anotar o mesmo día ata as 18:30h na carpa instalada na Praza Ramón Díaz Raña.
Máis entroidadas: en Naraío o 8 de marzo e en Lamas o 15
A AVV O Castelo organiza o seu entroido o sábado 8 de marzo. Como vén sendo habitual nos últimos anos, a entidade partirá a festa e en dúas sesións, unha de tarde e outra nocturna.
A primeira delas, dirixida á cativería, comezará ás 17:00h ofrecendo un obradoiro de chapas coa temática dos superheroes. O obradoiro enlazará directamente co Cantabaila de carnaval de LaGuaGua, con moita música e xogos divertidos para as nenas e nenos, pero tamén para as mamás e papás. Á noite, sobre as 22:30h, o local social da Veiga acollerá un baile de máscaras animado neste caso pola solista Patry Prados. Haberá agasallos para os mellores disfraces.
Pola súa banda, a AVV Xuntanza de Lamas celebrará o entroido o sábado 15 de marzo cun xantar a base de sopa de cocido, cocido e doces deste tempo, acompañado de pan, bebida e café. O prezo para persoas socias será de 22€, mentres que as non socias deberán aboar 26€ (gratis para a rapazada menor de 12 anos). Hai que anotarse antes do 10 de marzo nos teléfonos 618 838 760 ou 664 203 738. Ademais dun bo xantar -no que quen queira poderá ir de máscara- tamén haberá unha sobremesa musical cunha actuación sorpresa.