O Concello de Ponteareas presenta proxectos por máis de 659.000 euros para a pavimentación de viais nas parroquias

Redacción
Lectura mínima de 2

O goberno de Ponteareas vén de presentar proxectos para optar a financiamento destinado á mellora e pavimentación de distintos viais municipais por un importe superior aos 659.000 euros, reafirmando así o seu compromiso co mantemento e modernización das infraestruturas viarias do municipio.

Estas actuacións permitirán intervir en diferentes puntos das parroquias e tamén no núcleo urbano, mellorando a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade da veciñanza.

Entre os viais incluídos nesta proposta atópanse actuacións en Canedo-Barral, As Searas (Angoares), Fozara, Bugarín, Cortellas (Padróns), Nogueira, A Encostada (Guillade), a estrada de Ganade a Moreira, Pías e Parada (Xinzo).

Ponteareas conta cunha rede de arredor de 500 quilómetros de estradas asfaltadas, unha extensa superficie que require un mantemento constante, especialmente tras o duro inverno deste ano, que provocou un importante deterioro en numerosos tramos.

O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, destacou a relevancia destas actuacións para o día a día da veciñanza: “A mellora das estradas nas parroquias é fundamental para garantir a mobilidade, a seguridade e a conexión entre os distintos núcleos do municipio. Son actuacións moi necesarias que repercuten directamente na calidade de vida da nosa veciñanza e no desenvolvemento do rural”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro subliñou o compromiso diario do goberno local co territorio: “Traballamos cada día para devolverlle vida ao rural, unha parte moi importante de Ponteareas, mellorando servizos e infraestruturas que son esenciais para fixar poboación e ofrecer oportunidades”.

Con esta nova proposta de investimento, o Concello continúa avanzando na súa folla de ruta para reforzar as comunicacións viarias e atender as necesidades reais das parroquias.

Comparte este artigo