HomeA CoruñaO Concello activa desde hoxe unha nova campaña de control de bicicletas...

O Concello activa desde hoxe unha nova campaña de control de bicicletas e patinetes

- Anuncio -spot_img

A Policía Local fará controis específicos sobre este tipo de vehículos durante as vindeiras dúas semanas

A Policía Local da Coruña por en marcha hoxe unha nova campaña específica de control sobre o uso de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos. Trátase da segunda campaña de control que se pon en marcha nos últimos meses. A última, finalizada no mes de maio, rematou con 21 sancións rexistradas.

Durante esa última campaña, tramitáronse 13 sancións por uso de auriculares durante a condución, 5 por circular por zonas peonís, 2 por manexo do móbil e unha por realizar modificacións ilegais no vehículo. Estas condutas supoñen un risco real para a seguridade viaria e afectan directamente ao benestar das persoas usuarias da vía pública. O obxectivo da campaña non é outro que previr situacións de perigo e garantir unha convivencia segura entre todos os modos de desprazamento, co que se reforza o uso responsable dos espazos comúns da cidade.

Esta acción de control insírese no marco do Plan local de seguridade viaria, en desenvolvemento desde principios de ano, e supón un paso máis na consolidación dun modelo de mobilidade urbana que combina seguridade, accesibilidade e sostibilidade. A campaña coincide tamén coa aplicación da nova Ordenanza de mobilidade que establece as normas comúns de circulación para garantir unha correcta convivencia entre vehículos e persoas na cidade.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, salientou a importancia das campañas de control nun momento no que o uso da bicicleta está en plena expansión coa instalación de novas bases de BiciCoruña e coa renovación da flota: “Estamos ante un cambio cultural na forma de movernos pola cidade, e iso require tanto ofrecer alternativas reais como garantir que o seu uso sexa responsable e seguro. A resposta cidadá ao servizo de bicicletas é excelente, e seguiremos ampliando a rede e mellorando a convivencia no espazo público”, dixo.
“A aposta decidida pola mobilidade sostible está a dar froitos visibles: máis persoas usuarias, menos emisións e unha cidade máis amable. Seguiremos traballando para que A Coruña sexa un referente en mobilidade urbana e calidade de vida”, salientou Paz.

O cumprimento da normativa é esencial para garantir a seguridade: os vehículos que circulan polas beirarrúas poñen en perigo a peóns e peoas e o uso de dispositivos como auriculares minguan a capacidade de resposta das persoas condutoras e aumentan o risco de accidente, igual que o uso do móbil.

Publicacións Relacionadas