HomeA CoruñaO Concello amplía o plan de actuacións previsto no barrio de Matogrande,...

O Concello amplía o plan de actuacións previsto no barrio de Matogrande, con melloras no parque infantil da rúa Sebastián Martínez Risco

- Anuncio -spot_img

O recinto, con capacidade para 70 persoas usuarias, contará proximamente cunha nova bancada de formigón e resolverá así as necesidades existentes en termos de mobiliario urbano

O Concello puxo en marcha esta semana os traballos de mellora previstos no parque infantil da rúa Sebastián Martínez Risco, no barrio de Matogrande, onde nas vindeiras semanas se habilitará unha nova bancada de formigón para lles dar servizo ás persoas usuarias da área de xogos.

O recinto, situado a carón do centro de saúde do barrio, ten capacidade para 70 persoas usuarias. “Mais, ata o de agora, o parque só contaba con catro bancos. Isto supoñía que moitas familias que acompañan as crianzas non puidesen sentarse ou se apoiasen nunha varanda de madeira do parque, que, cos anos, e polos seus materiais, foi experimentando deterioración”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Díaz precisou que, coa disposición da bancada, o Concello non só amplía o mobiliario urbano dispoñible no parque, senón que tamén aproveita espazos infrautilizados alí dispoñibles e, de paso, aforra os custos de conservación derivados do mantemento da varanda de madeira, que será retirada.
A esta medida sumarase a renovación do firme de caucho da superficie de xogos, actuación que forma parte do plan de conservación e mantemento impulsado polo Goberno de Inés Rey para atender todos os parques infantís da cidade.
As obras durarán, aproximadamente, tres semanas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas faciliten o desenvolvemento dos traballos.

Avanzan os traballos de mellora na rúa Sebastián Martínez Risco

O plan de melloras definido polo Goberno de Inés Rey no barrio de Matogrande inclúe tamén a renovación e ampliación das beirarrúas no treito da rúa Sebastián Martínez Risco que pasou a ser de sentido único en agosto do ano pasado, cun só carril de circulación para os vehículos.
Esta medida foi aprobada polo Servizo municipal de Mobilidade para simplificar e desconxestionar o treito que chega ata o cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes, tras avaliar as necesidades existentes neste punto de Matogrande, tanto no referente á seguridade peonil como no tocante aos intensos fluxos de tráfico rodado —circunstancias derivadas, en boa parte, polas entradas e saídas ao colexio Liceo La Paz—.

A remodelación deste sector da rúa, que avanza estes días segundo os prazos previstos, permitiu gañar a superficie necesaria para acometer as melloras peonís previstas e ampliar tanto a beirarrúa que dá acceso ao parque infantil de Matogrande como a lindeira ao Liceo La Paz.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que o Concello destina uns 175.000 euros a esta actuación no barrio.

Publicacións Relacionadas