O goberno ribeirense informa de que os avistamentos recentes de roedores na vía pública, especialmente pola publicación de fotografías nas redes sociais, é froito das tarefas de desratización.
Segundo informan dende a concellaría de Sanidade, faise un tratamento semanal activo de control da poboación, pero infórmase do seguinte:
- O tratamento de control está axustado á normativa legal vixente, non podendo ser empregados biocidas de acción directa, utilizando substancias anticoagulantes sen efectos colaterais para humanos ou outros animais. Isto produce unha hemorraxia ao animal consumidor que pode ocasionar a súa desorientación e a súa saída ao exterior do sistema de rede de sumidoiros, ata en horas de sol, sendo as ratas animais de costumes eminentemente nocturnos e que adoitan fuxir dos humanos en condicións normais.
- A acumulación de alimento en forma de residuos comestibles na vía pública, especialmente fóra dos contedores, e fóra do horario establecido para o seu depósito, facilita que estes roedores poidan saír a buscar alimento se escasea na súa contorna natural.
- Están a atenderse todas as incidencias que a cidadanía comunica, puntualmente e sen excepción. Rógase comunicar as incidencias pola vía habilitada para o efecto para que a actuación poida ser o máis dilixente posible.
- Os labores de control programados están a levarse a efecto da forma descrita no acordo coa empresa adxudicataria, subscrito en lexislatura anterior á actual. Infórmase puntualmente de accións recomendadas e de medidas adicionais de control ou de mellora da rede de rede de sumidoiros.
- O Concello solicitou á empresa medidas para evitar a saída de roedores ás rúas para garantir a tranquilidade da poboación.
- A pesar de todo o anterior, a colaboración cidadá individual é imprescindible, dado que a exterminación completa destes roedores é imposible, polo que se emiten as seguintes recomendacións:
- Evitar a acumulación de entullos, lixos e residuos de alimentos, epositándoos no contedor adecuado para evitar a presenza de roedores.
- Evitar a acumulación de augas de patios, garaxes, sotos, cámaras de edificios… para evitar que acudan roedores a beber.
- Cubrir con tea mosquitera os depósitos comunitarios de auga.
- Garantir unha adecuada drenaxe do terreo próximo ás vivendas e xardíns para evitar o estancamento de augas e a presenza de roedores.
- Procurar a limpeza en zonas abertas fóra dos edificios que poden ser refuxio de roedores.
- Todos os sumidoiros deben ter unha tapa.
- As árbores e a vexetación alta deben estar separados dos edificios. Os roedores poden acceder ás plantas superiores a través das árbores.
- Os sotos deben de estar pavimentados para evitar que as ratas escaven galerías.
- As xanelas dos sotos e as aberturas exteriores deben dispoñer de teas metálicas sólidas cuxa malla sexa inferior a 5 mm, tipo mosquitera.
- Non alimentar a animais na vía pública ou parques e xardíns.
Este Concello continuará implementando as medidas suxeridas para evitar os avistamentos de roedores, así como actuando para identificar e corrixir, ou esixir aos propietarios a súa corrección, de todas as circunstancias das que se dispoña de información relevante.