As intervencións afectarán ás parroquias de Golmar, Soutullo, Cabovilaño e Lendo.
Tres proxectos dirixidos á mellora da rede viaria municipal serán adxudicados nos próximos días pola Xunta de Goberno Local, o órgano competente, despois de que a Mesa de Contratación procedese á apertura das propostas das empresas licitadoras e á clasificación desas ofertas.
Entre as tres actuacións o investimento 312.000 euros que se destinarán á renovar a superficie de rodadura e a seguridade viaria en estradas de titularidade municipal situadas en zonas rurais das parroquias de Golmar, Soutullo, Cabovilaño e Lendo.
O proxecto de maior entidade e con maior número de licitadores (8) está valorado en 143.000 euros. Afecta ao tramo entre o cruce das Cardosas e o núcleo de Vilanova da estrada local que comunica A Laracha con Cerceda por Requesende (Golmar) e A Xesta (Soutullo). Presenta unha lonxitude de 1.060 metros e unha anchura media da plataforma da calzada de sete metros sen incluír as beiravías. Vaise renovar o firme existente, contemplándose a regularización dos peraltes para unha maior seguridade na circulación e favorecer a evacuación das augas pluviais cara o exterior, limparanse as cunetas para protexer a estrutura do pavimento e reporase a sinalización vertical e horizontal. Tamén contempla a mellora do acceso ao propio núcleo de Vilanova, do mesmo xeito mediante a renovación da superficie de rodadura, o acondicionamento das marxes da calzada e a sinalización. Neste caso a lonxitude da estrada é de 150 metros cunha anchura media de 4,20 metros.
Outro proxecto localízase no lugar do Padronelo da parroquia de Cabovilaño. Consiste na renovación da superficie de rodadura da estrada e no acondicionamento dos sobreanchos, que serán aproveitados para ampliar a plataforma da calzada. Tamén será ampliada a rede de recollida de augas pluviais e a sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade viaria. O investimento superará os 89.000 euros e son seis empresas as que aspiran á adxudicación
E na parroquia de Lendo a actuación proxectada está valorada en 80.000 euros e hai sete licitadores. Prevé a nova pavimentación da estrada que discorre entre os núcleos do Campo da Porta, Lexas e A Torre ao longo dunha distancia lineal aproximada de 1.700 metros. Inclúese a limpeza das cunetas, a recuperación dos bordes da calzada e, por último, a sinalización horizontal e vertical.