O concello convida a descubrir o mundo das setas na XIII Xornada Micolóxica

Redacción

‘As setas da Laracha’ celebrarase o sábado 14 de novembro. A inscrición, que é gratuíta, abrirá mañá mércores.

Cada ano durante o outono o Concello organiza unha xornada micolóxica para ofrecer á veciñanza a oportunidade de achegarse ao mundo dos cogomelos, coñecer mellor as especies que medran nos nosos montes e aprender a identificalas.
O sábado 14 de novembro realizarase a XIII edición, coincidindo coa época máis favorable para a aparición de setas. Será unha nova ocasión para observar de preto a diversidade micolóxica do municipio e, da man de Raquel Poncini e Pablo Cuadrado, adquirir coñecementos que permitan recoñecer as distintas especies.
A xornada comezará ás 10:00 horas cunha saída guiada ao monte para a observación e recollida de setas. O punto de encontro será a área recreativa de Gabenlle. Pola tarde, ás 17:30 horas, terá lugar na Casa da Cultura un obradoiro de identificación das especies no que se analizarán os exemplares recollidos durante a mañá e outros que poden atoparse polos montes laracheses.
O prazo de inscrición abrirase mañá mércores. A participación é gratuíta e as solicitudes poderán tramitarse a través da web municipal de actividades, chamando ao teléfono 676 963 062 ou presencialmente na Casa da Cultura. Terán preferencia as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha.

Comparte este artigo