Coñece a túa provincia finalizou a sexta edición cun récord de 3.000 excursionistas pertencentes a máis de 100 asociacións

Redacción
  • O programa de viaxes gratuítas dun día posto en marcha pola Deputación en 2021 contribuíu a dinamizar o territorio lucense durante cinco meses do ano a través de 44 rutas xerais e 7 adaptadas

O programa Coñece a túa provincia, que a Deputación de Lugo puxo a andar hai seis anos co obxectivo de promocionar os recursos turísticos dos concellos e de dinamizar as economías locais, finalizou a súa sexta edición a semana pasada. E fíxoo cun novo récord, máis de 3.000 participantes.

Coñece a túa provincia é un programa de visitas guiadas gratuítas, que se desenvolve durante os meses de abril, maio, xuño, setembro e outubro e que se articula a través de asociacións e entidades sen ánimo de lucro.

As cifras de participación, que crecen ano a ano, permite falar dunha iniciativa consolidada e que supón un notable impacto económico na hostalería e no comercio dos concellos. O investimento por persoa é de 67,40 euros, de maneira que o orzamento que mobiliza o programa supera os 200.000 euros.

Máis de 137 asociacións viaxaron por primeira vez co programa
Esta última edición rexistrou unha demanda sen precedentes, elevando o número de peticións ata as 366 solicitudes, a cifra máis alta desde a creación do programa e moi por riba das 141 rexistradas na primeira edición de 2021.

Grazas á novidade introducida nas bases da convocatoria de 2026, que priorizaba a participación de entidades que aínda non gozaran da iniciativa, acadouse un fito destacable: o 100% das 137 asociacións beneficiarias viaxaron por primeira vez, mobilizando a preto de 3.000 viaxeiros e viaxeiras de toda a provincia. O alcance territorial reflectiuse nunha ampla representación municipal, con colectivos procedentes de multitude de concellos, como Lugo (26), Vilalba (11), Ribadeo (7), Foz (6), entre outros.
44 rutas xerais e 7 adaptadas
O programa mantivo un catálogo de 44 rutas xerais e 7 adaptadas, específicas para persoas con discapacidade física, distribuídas polos 67 concellos da provincia de Lugo.
Para garantir o equilibrio territorial e a máxima pluralidade, estableceuse un límite xeral de sete asignacións por itinerario (exceptuando colectivos de menores, ANPAs ou asociacións de persoas con discapacidade).

A Ribeira Sacra e A Mariña centran a maior demanda
Entre os percorridos máis demandados e executados ao longo da tempada destacaron as rutas por Sober e Monforte (9), Chantada e O Saviñao (8), Barreiros e Ribadeo (8), ou Quiroga (7), entre outras, demostrando o interese crecente da cidadanía por redescubrir a riqueza cultural, paisaxística e etnográfica da provincia de Lugo.
Transporte, xantar, guía e museos
As xornadas inclúen todos os servizos para os colectivos participantes: transporte de ida e volta, póliza de seguros de viaxeiros, un menú de xantar baseado en produtos de proximidade, servizo de guía oficial de turismo e as entradas a museos, obradoiros artesáns e itinerarios en catamarán.

Ademais, cada itinerario complétase cunha visita a un dos centros dependentes da Deputación, o que permite que a cidadanía coñeza in situ instalacións e servizos da Deputación, como o Pazo de San Marcos (sede da institución), a Granxa Gayoso Castro, o Mazo de Santa Comba, o Centro de Interpretación Terras do Miño ou a Produtora de Audiovisuais.

Comparte este artigo