• Os informes técnicos alertan de que a infraestrutura incumpre o PXOM e a Lei do Solo, non xustifica o lugar elixido para derivar enerxía ás Pontes e causaría impacto á paisaxe, ríos, fauna e flora do territorio
• O alcalde demanda ao Goberno que negue as autorizacións e avanza que seguirá loitando cos veciños por todas as vías ao seu alcance
O Concello de Abegondo e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentan as súas alegacións contra a ampliación do proxecto de subestación que Rede Eléctrica Española quere levar a cabo na parroquia Folgoso e que se atopa en exposición ao público.
O Concello reclama que o Goberno denegue a Rede Eléctrica a solicitude de autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción informando desfavorablemente a este proxecto de ampliación da subestación de 400 kV. O alcalde, José Antonio Santiso, explica que ademais reclama que se estenda esta negativa ao proxecto completo de 2023, que tamén foi alegado no seu día, incluíndo o parque de 400 e o de 220.
“Esta subestación supón un impacto desmedido e a localización elixida é unha aberración sen xustificación algunha”, expresa o rexedor. Son seis as alegacións presentadas, elaboradas polo enxeñeiro agrónomo e a técnica de medio ambiente municipais.
En primeiro lugar, a nivel urbanístico, o arquitecto municipal informa de que o chan onde a entidade estatal pretende instalar a subestación está cualificado como rústico de especial protección forestal no PXOM. O arquitecto advirte de que o proxecto NON é compatible co plan urbanístico ao incumprir con diversas determinacións tanto do Plan como da Lei do Solo.
En concreto, a subestación implantaríase sobre varias parcelas, e algunhas non alcanzan a superficie mínima de 2.000 metros cadrados que marca tanto o PXOM como a lei, sen respectar así mesmo os lindes. Tampouco cumpre a Lei do Solo a apertura dun vial, eliminando parte do actual.
Sinala o arquitecto que a actuación non garante nin xustifica que os movementos de terra produzan o mínimo impacto visual nin a mínima alteración da topografía. A construción rompería a harmonía da paisaxe, desfigurando a perspectiva e impedindo a contemplación do conxunto.
Na segunda alegación, sobre a localización, o Concello considera que “é urxente e estritamente necesario realizar un estudo apropiado da selección do emprazamento do proxecto pois os efectos negativos sobre a contorna, sobre os chans existentes nun lugar non apropiado implicará un dano ambiental irreparable, non só ao termino municipal de Abegondo senón á Reserva da Biosfera”.
Sinala que se estaría afectando de maneira irreparable non só á paisaxe do territorio senón tamén ao desenvolvemento rural sostible, en contraposición a un proxecto eólico cuxa finalidade é captar enerxía provocando impactos significativos ao territorio para ser transportada cara ás Pontes.
Os ríos e o abastecemento de auga centran a terceira observación. Solicítase a colocación de piezómetros en puntos críticos para avaliar a calidade da auga dos ríos e as augas subterráneas onde se localizaría a nova subestación. O Concello demanda unha maior implicación elaborando un Inventario dos mananciais e das traídas veciñais afectadas, así como aos acuíferos subterráneos.
Non se han analizaron os efectos que a Subestación podería ocasionar sobre os puntos de abastecemento humano de auga nin as traídas veciñais nin sobre as augas subterráneas.
Na cuarta alegación, o Concello indica que son necesarias medidas para previr os incendios forestais. Considera urxente que os municipios afectados por estas instalacións dispoñan dos recursos e medios necesarios todo o ano e que se establezan medidas compensatorias para os propietarios afectados na contorna.
Na quinta alegación, o Concello esixe unha xustificación de por que a Reserva de Biosfera debe asumir esta actividade en prol dun beneficio empresarial para unha localización tan afastada como As Pontes. Pide unha planificación temporal dos eólicos e unha avaliación conxunta de todas as que pretenden verter ao pinto de conexión desta subestación.
Finalmente, o Concello pide que antes da aprobación do proxecto, o promotor elabore e presente un estudo de flora e fauna, un estudo geotécnico, unha análise hidrolóxica, un estudo da herpetofauna, un estudo patrimonial e paisaxístico, un protocolo de actuación #ante especies invasoras e un programa de vixilancia ambiental.
“Xa anuncie, e así seguiremos, que usariamos absolutamente todas as vías e medios posibles para tratar de impedir que se constrúa esta infraestrutura”, afirma o alcalde. “Vos veciños e a corporación loitaremos #ante unha pretensión arbitraria, inxusta e moi nociva para a Reserva”, recalca.
Antecedentes
O proxecto de subestación de Rede Eléctrica é diferente, e con distinta finalidade, ao previsto no seu día na planificación 2015 – 2020 da compañía, deseñado entón para reforzar a alimentación da cidade da Coruña. Foi descartado posteriormente cun rexeitamento unánime de Concello e veciños, e sen dispoñer do beneplácito de AESA.
Este novo proxecto está motivado por dúas cuestións: alimentar ao AVE e a evacuación da enerxía de parques eólicos. Derivará dita enerxía cara ás Pontes, emprazamento moi afastado de Abegondo.
A pesar do cambio absoluto na xustificación para construír a subestación, a petición mantense para o mesmo punto na parroquia de Folgoso.
Abegondo mantén unha fronte común contra a subestación, impulsado polo Concello, que sumou aos partidos da corporación, e os veciños, que apoiaron por escrito a postura municipal.