Home A Coruña O Concello de Boqueixón desenvolverá varias accións informativas para promover a compostaxe...

O Concello de Boqueixón desenvolverá varias accións informativas para promover a compostaxe doméstica no municipio

- Anuncio -

O Concello de Boqueixón vai desenvolver varias accións informativas e formativas nos meses de novembro e decembro dentro da súa campaña de compostaxe doméstica, unha iniciativa que ten como obxectivo a redución da pegada ecolóxica dos veciños e veciñas a través dunha aposta pola valorización in situ dos residuos orgánicos que se xeran nos fogares, fomentando deste xeito a sostibilidade ambiental e social no rural.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, explica que “dende o Concello temos repartido case un milleiro de composteiros entre a veciñanza e realizado varias campañas de sensibilización para minimizar a xeración de residuos e conciencialos da importancia da reciclaxe e os seus beneficios a nivel ambiental, social e tamén económico, pois poden transformar os seus refugallos orgánicos nun compost de calidade que pode reutilizarse como abono”.

Mediante esta campaña, impulsada dende o ano 2013, o Concello de Boqueixón promove a participación activa dos seus veciños e veciñas na xestión responsable dos residuos orgánicos, tendo repartido case un milleiro de composteiros domésticos para converter os restos de alimentos e vexetais nun abono natural e de calidade. Con esta acción, a veciñanza contribúe a diminuír os residuos enviados a vertedoiros, promovendo así unha economía circular.

Por iso, ao longo dos meses de novembro e decembro, o Concello vai realizar varias charlas informativas sobre compostaxe coas que resolver dúbidas que poidan ter os actuais e futuros usuarios do programa. Neste sentido está prevista a realización de reunións por parroquias e tamén visitas as persoas usuarias dos composteiros, así como outras iniciativas de apoio como accións formativas no CPI Antonio Orza Couto ou a instalación dun posto informativo na Feira de Lestedo. Estas accións serán anunciadas previamente á veciñanza a través das principais canles de comunicación do Concello de Boqueixón e tamén a través de chamadas telefónicas aos usuarios e usuarias xa inscritos no programa de compostaxe.

En todo caso, os veciños e veciñas en sumarse a esta iniciativa poden poñerse en contacto a través do correo electrónico biorresiduos@concellosostible.gal ou chamando ao teléfono 699 526 341. Esta iniciativa está promovida polo Concello de Boqueixón e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como coa financiación da Unión Europea a través dos Fondos NexGenerationEU.

A compostaxe é unha práctica con importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais. Desde a perspectiva ambiental porque, dado que os restos orgánicos representan case o 50% na composición media dunha bolsa de lixo tipo. Se se evita o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propíciase unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, por tanto, das emisións de CO2 á atmosfera. Desde a económica, porque se o Concello entrega menos residuos a Sogama vese diminuído o importe da factura para pagar a esta empresa pública. E, desde a social, porque se recupera unha tradición arraigada no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.

Relacionadas

Incendio nun domicilio abandonado na rúa Bordel, no concello de Padrón

0
Os bombeiros do parque Provincial de Boiro participaron ao redor das 15:00 horas desta tarde nun operativo dirixido a sufocar un lume orixinado nunha...

“FolkXove”: os Orzamentos Participativos achegan a mocidade á cultura tradicional

0
O Centro Xove da Almáciga acollerá o próximo sábado, 23 de novembro, a xornada “FolkXove”, unha iniciativa que nace dos Orzamentos Participativos da área...

Semana europea da prevención dos residuos

0
Arrancan nos colexios de Neda as charlas de reciclaxe con motivo da celebración da Semana europea da prevencións dos residuos. O CEIP de Maciñeira...

O Coworking da Pobra recibe a visita de alumado do IES Espiñeira

0
Nova xornada de encontro no Coworking da Pobra con alumnado de centros educativos. Catorce estudantes do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES...

O programa socioeducativo Espazo nas Escolas chega por terceiro ano consecutivo aos centros públicos...

0
Por terceiro ano consecutivo, o Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha o servizo Espazo nas Escolas coa colaboración da Asociación Socieducativa Antonio...

Diana Cabanas reafirma o “compromiso co talento feminino” do Goberno de Inés Rey

0
A concelleira participou na xornada polo Día Internacional da Muller Emprendedora organizado pola Fundación Mujeres no centro Accede Papagaio A concelleira de Emprego, Comercio e...

Publicacións Relacionadas