O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o 11 de decembro
O Concello de Carballo vén de convocar os II Premios do Deporte, unha iniciativa promovida polo Consello Deportivo Municipal que ten como finalidade recoñecer publicamente as persoas, equipos e entidades que destacan polos seus logros deportivos, polo seu labor de promoción da actividade física e pola súa contribución ao desenvolvemento do deporte no municipio.
A principal novidade desta segunda edición é a incorporación do Premio Carballo Deporte Inclusivo, destinado a distinguir institucións, entidades, proxectos ou persoas que desenvolvan un labor destacado no ámbito do deporte inclusivo ou adaptado en Carballo. Con esta nova categoría, os premios pasan de nove a dez, aos que poderán sumarse mencións especiais e outros recoñecementos.
A convocatoria chega despois da excelente acollida da primeira edición, celebrada en decembro de 2025, á que se presentaron 50 candidaturas representativas dunha ampla diversidade de disciplinas e entidades deportivas. A gala de entrega, celebrada o 19 de decembro no Pazo da Cultura, encheu o auditorio e converteuse nun punto de encontro do deporte carballés, reunindo deportistas, clubs, representantes de federacións, institucións e familias.
Aquela primeira edición permitiu poñer en valor tanto os éxitos deportivos como o traballo diario, moitas veces menos visible, das persoas que sosteñen a actividade dos clubs e das escolas deportivas. As persoas e entidades galardoadas foron Lucía Ngnipa Nintedem, Brais Pensado Albertí, Anxo Fuentefría Fernández, Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo Pumpido, Evencio Ferrero Rodríguez, Agrupación Deportiva Un Paso Máis, Bergantiños feminino sénior, Lubiáns sénior Liga OK Bronce, Gema Paz Bello, Arturo Ferraces Martínez, Tomás Pombo Álvarez, Ruth Fuentefría Sánchez e Elena Vázquez Brandón.
Dez categorías para recoñecer o deporte carballés
Os II Premios do Deporte Concello de Carballo establecen as seguintes categorías:
- Mellor deportista carballesa, pola actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito.
- Mellor deportista carballés, pola actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito.
- Mellor deportista promesa carballesa, pola progresión e resultados dunha deportista das categorías de base.
- Mellor deportista promesa carballés, pola progresión e resultados dun deportista das categorías de base.
- Premio Pedras Brancas, ao equipo ou entidade que máis destacase pola súa actuación deportiva e competitiva.
- Premio Carballo Deporte, á entidade que realizase unha contribución especialmente destacada ao fomento do deporte ou á organización de actividades deportivas.
- Premio Carballo Deporte Inclusivo, á institución, entidade, proxecto ou persoa que destacase pola súa actuación no deporte inclusivo ou adaptado no ámbito municipal.
- Premio ao mellor adestrador ou adestradora (A. I.), pola actuación deportiva máis destacada no ámbito autonómico, estatal ou internacional.
- Premio Luís Calvo Sanz, á institución ou entidade que máis destacase pola súa colaboración co deporte carballés.
- Premio Vida dedicada ao Deporte, para recoñecer a traxectoria de deportistas, persoal técnico ou directivo xa retirado da súa actividade deportiva principal.
Ademais, o xurado poderá conceder un máximo de catro mencións especiais a persoas ou entidades e outros galardóns xerais para recoñecer logros deportivos relevantes acadados ao longo de 2026.
Presentación de candidaturas ata o 11 de decembro
Poderán presentar candidaturas as persoas físicas e xurídicas interesadas na promoción do deporte no ámbito territorial de Carballo, así como os membros do xurado.
O prazo ordinario permanecerá aberto ata o 11 de decembro de 2026, inclusive, e as solicitudes deberán presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica municipal, en sede.carballo.gal.
As bases establecen un máximo dunha proposta por categoría e por propoñente. Deberá presentarse unha solicitude independente por cada candidatura, acompañada dunha memoria xustificativa cos méritos, actividades e resultados obtidos, así como da conformidade da persoa ou entidade proposta e, cando corresponda, da documentación acreditativa da representación.
O xurado estará integrado polo Consello Deportivo Municipal, no que están representadas as asociacións deportivas municipais. Na valoración teranse en conta os resultados acadados durante 2026, a traxectoria deportiva, o apoio e promoción do deporte local e valores como a igualdade, o respecto, a cooperación, a perseveranza, o compañeirismo e o xogo limpo.
Os premios non teñen dotación económica e consistirán nun diploma e nun galardón conmemorativo, que serán entregados nunha nova Gala do Deporte organizada polo Concello de Carballo.
Con esta segunda convocatoria, o Concello dá continuidade a un espazo de recoñecemento colectivo que pretende visibilizar a diversidade e a vitalidade do deporte carballés, desde a base ata a alta competición, e tamén o compromiso das persoas e entidades que fan posible a práctica deportiva no municipio.

