ACARLU continúa levando formación en prevención cardiovascular aos concellos da provincia cunha xornada mañá xoves en Samos

Redacción
Screenshot
  • A iniciativa impulsada pola Asociación Lucense de Cardioloxía, co apoio da Deputación, xa chegou a Navia de Suarna, A Pontenova e Guitiriz. Está dirixida a público adulto de todas as idades

-As próximas actividades desenvolveranse en Samos, Antas de Ulla e O Vicedo durante este mes de novembro, e en Pedrafita do Cebreiro, Foz e Burela en decembro

A Asociación Lucense de Cardioloxía (ACARLU) continúa desenvolvendo o programa Lugo de corazón a corazón, unha iniciativa que achega información e formación sobre saúde cardiovascular, prevención e actuación ante unha emerxencia a diferentes concellos da provincia. Mañá xoves, 20 de novembro, a actividade chegará a Samos, onde terá lugar unha nova sesión ás 11:30 horas.
O programa, que conta co apoio da Deputación de Lugo, busca facilitar o acceso a coñecementos e ferramentas de prevención e autocoidado tamén ás persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos.
Ata o momento, ACARLU xa realizou actividades en Navia de Suarna, A Pontenova e Guitiriz, cunha boa acollida por parte dos veciños e veciñas.
As sesións inclúen charlas e coloquios sobre saúde cardiovascular, alimentación, medicación, sinais de alerta e hábitos saudables, así como formación en reanimación cardiopulmonar (RCP) e utilización de desfibriladores. A programación complétase con actividades físicas adaptadas, camiñadas e espazos de apoio e intercambio de experiencias entre persoas que viven ou viviron situacións cardiovasculares.
Próximas actividades
Tras a xornada prevista mañá en Samos, o calendario continuará en Antas de Ulla o día 23 de novembro, ás 17:00 horas, e no Vicedo o día 26, ás 11:30 horas.
Xa no mes de decembro, as actividades desenvolveranse en Pedrafita do Cebreiro o día 2, ás 11:30 horas; en Foz o día 10, ás 11:30 horas; e en Burela ese mesmo día, ás 18:00 horas.
En total, o proxecto contempla 16 intervencións presenciais en distintos concellos da provincia e incorpora o modelo de acompañamento de doente a doente, no que persoas con experiencia propia contribúen ao apoio e á educación doutras persoas afectadas.
Apoio aos concellos
Á marxe da colaboración con ACARLU, a Deputación está a preparar a renovación da formación en cardioprotección ao persoal da institución. Así mesmo, está a ultimar un informe sobre os medios dos que dispoñen os 67 concellos da provincia neste eido, co obxectivo de axudarlles a equiparse e formarse.

Comparte este artigo