• Ao acto asistirán xogadores e ex xogadores que ao longo de 35 anos foron adestrados polo homenaxeado.
• O Concello bautizará o pavillón deportivo municipal co seu nome e descubrirá unha placa na súa honra.
• Xogadores históricos do Club Alameda Xarío, que preside dende a súa fundación, disputarán un partido amistoso.
O Concello, en colaboración co Club Alameda Xarío FS, organiza para o 14 de xuño un acto de homenaxe a Juan Tenreiro Vázquez, unha figura clave no deporte de Miño, especialmente como adestrador de fútbol sala, organizador de torneos e encargado do pavillón deportivo municipal.
Juan Tenreiro é unha persoa moi querida pola súa traxectoria o longo de tantos anos nas escolas deportivas municipais e nos equipos do Club Alameda Xarío, polo cal, o Concello decide nomear o pavillón deportivo “Pavillón deportivo municipal Juan Tenreiro”.
A través desta iniciativa do goberno municipal de Miño, en colaboración co Club Alameda Xarío FS, e tendo en conta a xubilación este mesmo ano do homenaxeado, preténdese recoñecer a súa traxectoria deportiva como membro fundador do Club Alameda Xarío FS, adestrador e promotor do deporte de Miño por máis de 35 anos.