O Concello de Ribeira vén de pintar e sinalizar novas zonas de estacionamento limitado —coñecidas como zonas azuis— na Rúa Rosalía de Castro, co obxectivo de facilitar a carga e descarga por parte dos profesionais do transporte, así como as compras rápidas por parte da cidadanía nos negocios da zona.
A medida foi consensuada co tecido comercial da propia rúa a finais ano e responde tanto á necesidade de favorecer a actividade económica local como á vontade de mellorar a seguridade viaria. Neste sentido, o alcalde explicou que novo modelo tamén pretende reducir a velocidade de circulación dos vehículos, logo de queixas recorrentes da veciñanza polo exceso de velocidade nesta vía.
Trátase dunha actuación que presenta un carácter híbrido e busca compatibilizar o uso do vehículo privado para xestións puntuais coa preferencia peonil que caracteriza esta rúa, organizada como plataforma única. Así, as persoas condutoras poderán estacionar durante un máximo de 15 minutos entre as 08:00 e as 20:00 horas dentro das zonas debidamente delimitadas.
Fóra deste horario e destes espazos, o estacionamento non estará permitido como viña sendo até agora.
Os traballos foron executados pola Brigada Municipal de Obras durante a mañá deste xoves e incluíron a colocación de sinalización vertical e o pintado horizontal das novas zonas habilitadas.
O Concello destaca que esta iniciativa busca un uso máis racional e equilibrado do espazo público, promovendo unha mobilidade máis segura e accesible ao tempo que se apoia as demandas do comercio de proximidade.
Lémbrase tamén que a Rúa Rosalía de Castro, ao ser unha plataforma única, dá prioridade ao tránsito peonil, polo que os vehículos deben ceder sempre o paso ás persoas peóns, evitar o uso de sinais acústicas e circular con especial precaución. A convivencia e o respecto entre vehículo e peóns son fundamentais para unha boa convivencia.