Home A Coruña O Concello de San Sadurniño programa varias actividades con motivo do Día...

O Concello de San Sadurniño programa varias actividades con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas

- Anuncio -

O 25 de novembro é a data elixida para reivindicar en todo o mundo a erradicación de todas as violencias que se seguen exercendo contra as mulleres e nenas que, segundo as Nacións Unidas, segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis extendida e xeralizada do mundo. De feito calcúlase que, a nivel global, 736 millóns de mulleres -case unha de cada tres- foron vítimas de violencia física e/ou sexual polo menos unha vez na vida. Queda moito por facer para reverter esta situación e, neste sentido, a información, a concienciación e a sensibilización son ferramentas fundamentais para acadar un cambio urxente e moi necesario na nosa sociedade. A área municipal de Igualdade desenvolve ao longo do ano múltiples accións con esa finalidade. Accións que se intensifican e que cobran máis visibilidade chegando o 25N. Este ano desenvolveranse catro actividades principais os días 12, 17, 29 e 30 de novembro.

As propostas municipais arrancan o martes 12 de novembro ás 18:00h na Casa da Cultura coa proxección do filme “O corno”. A película está ambientada na Illa de Arousa de comezos dos anos 70 do século pasado e conta cun tono documental a historia de María, unha mariscadora que ademais axuda como parteira a outras mulleres. Tras un suceso inesperado a protagonista inicia unha perigosa fuxida na que terá que loitar pola súa supervivencia.

“O corno” levou o premio á mellor película na 71ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Gracias á xestión do GDR Seitura 22, a cinta chega a San Sadurniño dentro do sétimo Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura. Ademais, ao remate da proxección haberá un pequeno coloquio coa directora, Jaione Camborda Coll, quen volverá por San Sadurniño despois de ter participado en 2015 no Chanfaina lab.

A seguinte cita do programa con motivo do 25N está programada para o domingo 17 de novembro a partir das 10:00h, tamén na Casa da Cultura. Ese día desenvolverase un curso intensivo de defensa persoal feminina apoiado pola Consellaría de Política Social e Igualdade e a FEGAMP. Na sesión, que durará até a tardiña con parada a mediodía para tomar uns petiscos, aprenderanse técnicas físicas e psicolóxicas que axuden a xestionar situacións de violencia ou potencialmente violentas. Trátase de proporcionarlles ás mulleres participantes “ferramentas coas que sentírmonos seguras e poder enfrontar diversos tipos de abusos e agresións machistas”, apuntan desde a área de Igualdade.

O curso estará dirixido polo coach deportivo e motivacional José Martínez e vai dirixido a mulleres e rapazas maiores de 16 anos. Fai falla inscrición previa -antes do 14 de novembro- a través do teléfono 695 876 178 ou do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal.

O día 25 de novembro, data sinalada polas Nacións Unidas para celebrar o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, San Sadurniño izará a bandeira feminista e publicará o tradicional manifesto en rexeitamento dos maltratos que se exercen contra as mulleres e nenas, como maneira de visibilizar, ademais, o compromiso municipal coa igualdade.

Catro días despois, o venres 29 de novembro, a Casa da Cultura acollerá ás 19:00h un cineforo en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O tema elixido é o dereito a decidir sobre os nosos corpos como unha cuestión de liberdade individual e de xustiza. Para poñelo en contexto verase o documental de 2019 “En deuda con todas”, que expón a vulneración de dereitos básicos que sofren as mulleres do Salvador, onde o aborto está perseguido pola lei e penado con cadea.

Este documental, producido pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz “pretende chamar a atención sobre a vulneración dos seus dereitos e contribuir na súa loita esixindo unha lexislación que non vulnere os Dereitos Humanos de máis da metade da poboación e que garanta o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva plena, especialmente para as nenas e as adolescentes máis vulnerables”, explican desde a área municipal de Igualdade.

A programación con motivo do 25N culminará o sábado 30 de novembro –19:00h, Casa da Cultura– co espectáculo musical e de narración oral “Vicio houbo sempre”. A actriz e contadora Atenea García virá por San Sadurniño para compartir connosco o seu traballo dos últimos anos, nos que estivo recollendo historias de vida de mulleres de máis de 80 anos que moitas veces remataban falando do desexo, do pracer e da sexualidade. Mulleres que vencen os tabús impostos polo patriarcado e a represión social do seu tempo para falar “de todas esas cousas supostamente prohibidas e deixando entrever que sempre houbo sitio para o amor e vida nas marxes”.

García traerá memoria colectiva en feminino sobre a diversidade sexual, a ausencia na emigración, a diversion nos bailes e nas festas…, presentándoo todo ao ritmo da pandeireta cunha proposta “fresca e divertida” dirixida a público adulto. Ao seu remate, igual que nos demais eventos programados co gallo do 25 de Novembro, serviranse uns petiscos no recibidor da Casa da Cultura.

Cómpre lembrar, por último, que ao día seguinte, o domingo 1 de decembro, a ACRD Santa Mariña do Monte organiza un encontro coa xornalista, sexóloga e divulgadora Laura Veiga para falar e resolver dúbidas sobre sexo, xénero, orientación e identidade sexual. Será no local social de Santa Mariña a partir das 18:00h. Pódese obter máis información no 646 938 132.

Relacionadas

Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, empresas gañadoras da XXV edición dos Premios Manuel...

0
Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXV edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou...

A viaxe a Eurodisney da campaña comercial de novembro da Pobra xa ten gañadora

0
A campaña comercial de novembro na Pobra do Caramiñal chegou ao seu fin co sorteo da viaxe a Eurodisney na mañá deste 2 de...

A Xunta de Goberno Local inicia os procedementos para a contratación de obras por...

0
Adxudicado por 44.724 euros o contrato de reposición das butacas do auditorio do Pazo da Cultura A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria...

O executivo municipal destinará case 380.000 euros á reparación da cuberta do pavillón municipal...

0
O executivo municipal deu luz verde á aprobación do expediente de contratación das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga...

O Concello de Fene retira as copas de varias palmeiras afectadas pola praga do...

0
Os traballos, realizados polo persoal municipal, afectaron a exemplares situados en diversos puntos do concello, como San Valentín ou Chamoso O Concello de Fene continúa...

Brión acollerá unha exposición solidaria con dous artistas dos Encontros da Arte que perderon...

0
José Galarzo e María Carmen Martínez, que impartiron obradoiros de acuarela e cerámica á rapazada de Brión, perderon o seu estudo emprazado en Paiporta O...

Publicacións Relacionadas