HomeA CoruñaO Concello de Santiago inicia a reurbanización da rúa de García Lorca...

O Concello de Santiago inicia a reurbanización da rúa de García Lorca cun investimento de máis dun millón de euros

- Anuncio -spot_img

O Concello de Santiago pon en marcha esta semana as obras de reurbanización da rúa de García Lorca, cun investimento de 1.082.727,54 euros e un prazo de execución de 16 meses. A actuación abrangue unha superficie de máis de 9.500 metros cadrados, incluíndo a praza de Celso Emilio Ferreiro, e ten como obxectivo mellorar a accesibilidade, a mobilidade sustentable e a calidade urbana deste ámbito.

O concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, explicou que “trátase dunha intervención pensada para incrementar a calidade de vida da veciñanza, cunha aposta decidida pola accesibilidade universal, a mellora dos servizos públicos e a creación de novos espazos de convivencia”.

A orixe do proxecto remóntase a 2022, mais cando a obra foi adxudicada detectouse que os prezos estaban xa desfasados debido ao incremento xeneralizado dos custos de construción tras a pandemia da covid-19. Ante esta situación, o goberno local viuse obrigado a rescindir o contrato e reformular a actuación. En outubro de 2024 a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto reformado, que actualizou os prezos ao mercado e revisou tecnicamente o documento inicial, e en decembro de 2024 iniciouse unha nova licitación.

A intervención inclúe a reforma dos percorridos peonís lonxitudinais e transversais, dando continuidade ás beirarrúas e eliminando barreiras arquitectónicas, así como a recolocación e renovación do mobiliario urbano. Tamén se crearán novos espazos de estancia e relación, e renovarase o firme e o pavimento logo da substitución integral das redes de servizos públicos.

O proxecto reorganizará o espazo dispoñible para favorecer unha mobilidade máis sustentable. Así, está prevista a implantación dun carril bici en ambos os sentidos da calzada, o incremento de prazas de estacionamento e a execución de cinco pasos de peóns elevados, sumando un cruzamento novo con respecto ao estado actual. Estas medidas garantirán a accesibilidade e contribuirán ao calmado do tráfico.

Os traballos organizaranse en tres fases, procurando afectar o mínimo posible á mobilidade peonil e rodada. A primeira etapa dos traballos corresponde ao tramo inferior, desde o cruzamento da rúa coa avenida de Castelao ata a capela de Guadalupe, onde o ancho da rúa é superior. Durante as primeira semanas de execución, o acceso ás persoas residentes e ao transporte urbano quedará aberto. O acceso peonil aos portais quedará garantido en todo momento.

A segunda fase corresponde ao tramo intermedio da rúa, onde a sección é máis estreita e onde se construirá un novo tramo de beirarrúa que agora non existe, o que mellorará significativamente os desprazamentos a pé. Por último realizaranse os traballos no extremo superior, no cruzamento da rúa coa rúa dos Irmandiños e incluíndo a praza de Celso Emilio Ferreiro.

Xesús Domínguez explicou os detalles do proxecto en varias xuntanzas coa veciñanza de García Lorca e o Concello de Santiago, do mesmo xeito que no resto de obras que está a executar no espazo público, como a reurbanización da rúa de Puente la Reina ou o barrio verde de Pontepedriña, reforzou as canles de comunicación directas coa veciñanza desta rúa para minimizar o impacto das obras na vida das persoas residentes. Poñerase á súa disposición un número de teléfono e un enderezo electrónico para resolver calquera dúbida a respecto da execución desta obra.

Publicacións Relacionadas