47 solicitudes no ano 2023, 67 en 2024, 72 en 2025 e, atención, en 2026 o Concello de San Sadurniño recibiu un total de 102 peticións para montar posto na Feira da Plantación. Tras case trinta edicións a feira non só está consolidada, senón que medra exponencialmente de ano en ano gracias a unha fórmula máis que ensaiada que pon o foco en todo o relacionado coa horta e os xardíns aproveitando, ademais, para promocionar o produto de proximidade. O crecemento sostido do evento non só se refire á oferta, senón tamén á asistencia. Nas últimas edicións notouse un incremento de público dun ano para outro que, previsiblemente, se volverá producir o domingo 26 de abril grazas ao tirón dunha oferta máis variada ca nunca, traída ata San Sadurniño por 13 viveiros de planta e flor, 34 postos agroalimentarios -seis deles con certificación ecolóxica-, 45 expositores artesáns -15 co selo Artesanía de Galicia-, dúas firmas de maquinaria e outros 8 postos ocupados principalmente por entidades sen fin de lucro.
Consonte o regulamento da feira, os 102 expositores e expositoras participantes deberán confirmar a inscrición durante os tres días seguintes á publicación da lista de postos admitidos pagando a cota correspondente aos metros solicitados e, de ser o caso, tamén as opcións que se pedisen, como pode ser a montaxe de cuberta por parte do Concello ou o punto de electricidade.
O pagamento efectuarase mediante ingreso ou transferencia bancaria á conta do Concello de San Sadurniño ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira da plantación” e o nome da persoa que presentou a solicitude xunto co número de posto asignado.
O resgardo do pagamento deberáselle remitir ao Concello a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou da Sede Electrónica municipal. Tamén se pode pagar con tarxeta na Casa do Concello ou na Casa da Cultura. En calquera caso, o mesmo día da feira non se admitirá ningún xustificante de pagamento.
Os postos que estean admitidos e que finalmente non poidan acudir á feira deberán comunicar por escrito a súa baixa o antes posible, co obxectivo de optimizar o espazo dispoñible nos sendeiros e evitar penalizacións na devolución da taxa de participación.
Por outra banda, desde o departamento de Desenvolvemento local tamén se prega que os expositores e expositoras se axusten coa máxima puntualidade aos horarios de montaxe asignados, lembrando que despois das 10:15h non se permitirá a entrada de ningún posto no recinto. O Concello insiste, igual que en edicións anteriores, en que despois de armar o expositor se deberán retirar os vehículos -agás aqueles que solicitasen a autorización- e que os puntos de venda han de estar abertos como mínimo ata as 19:30h. Estes e outros aspectos organizativos veñen recollidos nas bases de participación publicadas xunto coa solicitude.
Segundo o listado publicado hoxe, na XXIX Feira da Plantación de San Sadurniño participarán, salvo renuncias, un total de 102 postos. 13 son viveiros de planta, flor, árbores ou florarías. Outros 28 son expositoras e expositores agroalimentarios, aos que se lles engaden 6 máis que traerán exclusivamente produto ecolóxico certificado polo CRAEGA.
Tamén están rexistradas 45 solicitudes para postos de artesanía, 15 deles baixo o distintivo de Artesanía de Galicia.
Completan o listado publicado esta mañá os catro expositores que levarán á Cortiña maquinaria, pequenas ferramentas e outro material para o agro, así como os 6 postos ocupados por entidades sen fin de lucro.
Moita oferta… e tamén moitas actividades paralelas
A XXIX Feira da Plantación tamén virá cargada de actividades paralelas: unha busca do tesouro en familia, demostracións de arte floral, degustacións de produtos da Fusquenlla, unha exposición sobre as rochas do xeoparque e tamén os sempre exitosos showcookings, que este ano estarán dirixidos polo prestixioso cociñeiro André Arzúa -promotor do centro gastronómico Espazo Abella-, dentro do programa A Paisaxe que sabe impulsado pola área de Turismo da Deputación da Coruña.
Non faltarán tampouco a animación musical -este ano veñen As faíscas da Pontraga- nin os tradicionais sorteos presenciais das 14:00 e as 19:45h. Con cada compra que fagamos entregarannos unha papeleta para entrar na rifa de varios ramos e centros florais. Os boletos haberá que botalos na urna situada no posto do Concello e os sorteos repetiranse continuamente ata que vaian aparecendo as persoas ganadoras. Ademais, só por vir á feira levaremos gratis unha bolsiña con plantas, cortesía da empresa Vivergal S.L., que colabora co evento xunto coa Deputación da Coruña.

