HomeA CoruñaO Concello e a Fundación Cibervoluntarios colaboran na posta en marcha de...

O Concello e a Fundación Cibervoluntarios colaboran na posta en marcha de cursos de alfabetización dixital nas bibliotecas municipais

- Anuncio -spot_img

Xa está aberto o prazo de inscrición nas actividades, que terán lugar entre o 4 de marzo e 30 de abril, en horario de tarde

O Concello, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, ofrece unha programación de cursos presenciais gratuítos en competencias dixitais, dirixidos a toda a cidadanía, que se celebrarán na rede de Bibliotecas Municipais entre o 4 de marzo e o 30 de abril, en horario de tarde.

Os cursos están orientados a dous perfís por treito de idade: veciñas e veciños de 18 a 59 anos, que recibirán formación concibida para fortalecer as competencias dixitais na vida diaria, traballo e participación social; e persoas maiores de 60 anos, con contidos adaptados ao seu ritmo de aprendizaxe, con énfase na autonomía dixital, seguridade en liña e uso práctico de ferramentas na vida cotiá.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor esta proposta, que forma parte do programa YoConecto, da Fundación Cibervoluntarios, e que busca que as persoas participantes nos cursos gañen soltura, confianza e seguridade no eido dixital, facendo uso de ferramentas útiles para mellorar a súa calidade de vida, tamén para abrirlles camiño a novas oportunidades en materia de emprego, educación, emprendemento e participación.
“Propostas como esta van en sintonía coas liñas de acción que está a incentivar o Goberno de Inés Rey en materia de formación a escala interxeracional, un aspecto a ter en conta á hora de reducir a fenda dixital e fomentar a inclusión social”, apuntou Castro, que tamén puxo en valor o papel que xoga a rede de Bibliotecas Municipais neste sentido.

Entre os módulos dispoñibles haberá talleres como ‘Apps útiles para a xestión de trámites en Internet’, ‘O teu currículo dixital’, ‘Como buscar emprego no mundo dixital’, ‘Seguridade: Protexe o teu mundo dixital’, ‘Aprende a manexar as túas redes sociais’ e ‘Internet seguro para menores’. Á conclusión dos cursos, as pesoas participantes recibirán un certificado que acredita os coñecementos e competencias adquiridas.

A este respecto, as persoas interesadas en participar nos cursos do programa YoConecto xa poden inscribirse a través da páxina web www.yoconecto.org ou chamando ao número de teléfono 674 72 76 23.

O programa YoConecto, que conta coa colaboración do Concello da Coruña, é un programa promovido pola Fundación Cibervoluntarios que forma parte da iniciativa Generación D impulsada por Red.es, Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, e está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, a través dos fondos Next Generation da Unión Europea.

Datas e horarios dos cursos
● Como buscar emprego no mundo dixital (4-5 marzo, de 16.00 a 21.00 horas, na biblioteca municipal de Durán Loriga): 8 prazas
● Apps para xestionar trámites en Internet (9-12 marzo, de 17.00 a 20.00 horas, na biblioteca municipal do Fórum Metropolitano): 12 prazas
● O teu currículo dixital (17-18 marzo, de 15.45 a 20.45 horas, na biblioteca municipal do Fórum Metropolitano): 12 prazas
● Aprende a manexar a túas RRSS (23-26 marzo, de 17.00 a 20.00 horas, na biblioteca municipal do Fórum Metropolitano): 12 prazas
● Seguridade: protexe o teu mundo dixital (20-23 abril, de 17.00 a 20.00 horas, na biblioteca municipal de Monte Alto): 8 prazas
● Internet seguro para menores (27-30 abril, de 17.00 a 20.00 horas, na biblioteca municipal de Monte Alto): 8 prazas

Publicacións Relacionadas