A alcaldesa, Inés Rey: “Acordei co presidente da Xunta que desbloqueariamos este acordo no mes de xaneiro e, polo tanto, nós cumprimos con ese compromiso”
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que o Concello da Coruña levará a pleno extraordinario este mércores a aprobación da firma do convenio coa Xunta de Galicia para ampliar o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). “Acordei co presidente da Xunta que desbloqueariamos este acordo no mes de xaneiro e, polo tanto, nós cumprimos con ese compromiso”, apuntou a alcaldesa.
A rexedora sinalou que se trata dunha “actuación prioritaria para mellorar os servizos
asistenciais da cidade e da súa área metropolitana” e asegurou que “o CHUAC é un hospital
clave e referente no noroeste peninsular e en toda España”. Deste xeito, “O Concello da
Coruña pon en valor o seu compromiso coa sanidade pública”, sentenciou a rexedora.
A alcaldesa cualificou a actuación como “necesaria” para que a administración autonómica
dote ao complexo hospitalario “non só de medios materiais, senón de medios humanos”, e
sinalou que “estamos vendo a necesidade desta ampliación nestes momentos de pandemia,
tamén da asistencia sanitaria de moitas outras patoloxías que están quedando silenciadas
polo virus, pero que tamén causan moitas mortes”.
Rey explicou que a ampliación suporá “a creación dun hospital anexo ao actual e a mellora
dos accesos e das redes básicas para a nova infraestrutura”. Canto ao proxecto, a alcaldesa
destacou que tanto a Xunta como o Concello se comprometeron a que na medida do posible
a afección urbanística sexa a mínima”.