HomeA CoruñaO concello organiza durante o verán visitas guiadas ao Museo de Golmar...

O concello organiza durante o verán visitas guiadas ao Museo de Golmar e pola Vila de Caión

- Anuncio -spot_img

A inscrición é gratuíta e xa está aberta.

O Concello organiza dous novos programas de visitas guiadas pensadas para todos os públicos -veciños, turistas e visitantes de calquera idade- co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico, natural, cultural e etnográfico do municipio.

Unha das iniciativas levará ás persoas participantes ata o recentemente remusealizado Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado no Igrexario de Golmar. A actividade desenvolverase os sábados 9 e 23 de agosto e 6 de setembro, con inicio ás 10:00 h, momento no que se realizará a visita guiada ao centro. A partir das 11:30 h ofrecerase, de xeito optativo, a realización da andaina Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro, un percorrido de 4,3 quilómetros e dificultade media que permite gozar da natureza seguindo o curso do río, ao longo do que tamén existen varios restos de antigos muíños de auga.

A segunda proposta leva por título Caión, entre mareas e historia consistente nun percorrido cultural guiado pola vila no que descubrir os lugares e puntos de interese máis destacados. A visita comeza na Oficina de Turismo, situada na antiga casa reitoral, e remata cunha parada no museo do Arquivo da Pesca, un espazo que permite coñecer de preto a historia e tradición mariñeira da localidade. Este roteiro celebrarase todos os mércores e venres entre o 6 de agosto e o 12 de setembro, con saída ás 12:00 h.

A participación en ambos programas é gratuíta e requírese inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse enviando os seus datos persoais por correo electrónico a turismo@alaracha.gal ou ben chamando ao 981 604 328.
Con estas iniciativas, o Concello reafirma o seu compromiso coa posta en valor do seu patrimonio e coa promoción dun turismo sostible, enriquecedor e aberto a toda a cidadanía.

Publicacións Relacionadas