HomeA CoruñaA travesía do emprendemento, así é a iniciativa pioneira coa que A...

A travesía do emprendemento, así é a iniciativa pioneira coa que A Pobra vinculará o mar e os negocios

- Anuncio -spot_img

• Con esta actividade farase un símil entre os pasos e retos que calquera persoa pode atopar á hora de montar un negocio e os que hai que dar para navegar.

Da man do Coworking, A Pobra embarcarase mañá, xoves 26 de xuño, nunha actividade pioneira: A travesía do emprendemento con perspectiva de xénero. Trátase dunha xornada feita por e para mulleres coa que se buscará vincular a tradición mariñeira do concello coa cultura dos negocios. O Coworking acolleu, hoxe, a presentación da iniciativa, na que estivo presente a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo. Durante a súa intervención, a edil sinalou que o obxectivo non é outro “que dar visibilidade e fortalecer o talento e o emprendemento en feminino”. Unha liña de meta que se conseguirá cun enfoque “100% práctico, realizando unha especie de xogo de rol”. Por medio dunha auténtica travesía náutica, farase un símil entre os pasos e retos que calquera persoa pode atopar á hora de montar un negocio e os que hai que dar para navegar. A proposta incluirá formación en xestión empresarial e un obradoiro de xestión emocional, proporcionando un espazo de networking para as participantes.

A esencia desta xornada reside na súa innovadora proposta: utilizar unha travesía marítima como metáfora do proceso emprendedor. As participantes terán a oportunidade de experimentar as fases do emprendemento, desde a preparación inicial ata a consolidación do negocio, aprendendo a identificar sinais, a tomar decisións e a adaptarse ás circunstancias.

Deste xeito, a bordo das embarcacións A Moura, A Maruxaina e A Serea –patroneadas por mulleres para reforzar a presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados– revisaranse os seguintes conceptos:

• Plan de negocio e análise de riscos: como navegar con seguridade no mundo empresarial.
• Investigación de mercado: identificando o rumbo adecuado para o proxecto.
• Anticipación de escenarios futuros: visión a longo prazo.
• Optimización de recursos: xestión eficiente de ferramentas e habilidades.
• Flexibilidade e adaptación: sabendo pivotar cando o mercado o require.
• Responsabilidade social e sostibilidade ambiental: xestión de residuos a bordo.
• Creación de redes e alianzas estratéxicas: interacción con outras embarcacións.
• Consolidación do negocio: chegando ao punto de estabilidade e crecemento.
O Coworking da Pobra: Laboratorio para o Emprendemento Colaborativo
Esta xornada é unha experiencia piloto na que o principal obxectivo é ofrecer a oportunidade de colaborar e facer do Coworking un auténtico laboratorio de ensaios para o emprendemento colaborativo. Con esta iniciativa, o Concello aspira a converterse nun referente de apoio municipal ao emprendemento con perspectiva de xénero. Isto é, promovendo a cooperación e as alianzas e non a competitividade.
Unha Travesía con liderado feminino
En total, prevese a participación dunha trintena de mulleres. Ademais das propias usuarias do Coworking da Pobra e de usuarias e xestoras doutros espazos similares, contarase coa presenza da concelleira de Promoción Económica da Proba e tamén da edil de Ribeira, Genoveva Betanzos. A responsable de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, estará tamén presente na travesía.
Xestión Emocional e Creación de Redes
A Travesía do Emprendemento servirá para abordar cuestións técnicas do proceso de emprender, pero tamén de tipo emocional. Así, levarase a cabo un taller dirixido pola especialista en terapia Gestalt, Nancy Silva. Durante o mesmo, aprenderán a identificar a presión social, daráselles estratexias para harmonizar a vida persoal e profesional e inculcaráselles a importancia da conciencia emocional e a necesidade de desenvolver a resiliencia fronte aos fracasos.
A actividade culminará cun espazo de diálogo fronte ao mar, no chiringuito de Xobre, coordinado por Beatriz Rivas, onde se poderán establecer alianzas, compartir experiencias e fortalecer as redes profesionais nun ambiente distendido.
Emprendedoras locais
O proxecto é o resultado da colaboración entre as seguintes emprendedoras locais, usuarias do Coworking:
• Beatriz Pereira (Lendas da Curota): encárgase da organización da travesía marítima.
• Beatriz Rivas (Xobre Chiringuito): coordina o espazo de networking
• Nancy Silva (Apertas de Cores): dirixe o taller de xestión emocional
• Sonia García (Xouba Cromática): encargada da reportaxe audiovisual
• Uxía Santos (Kracia): responsable da campaña en redes sociais
Toda a información sobre o proxecto:
https://gamma.app/docs/A-Travesia-do-Emprendemento-con-Perspectiva-de-Xenero-6hckmubqb68ivqk?mode=doc

Publicacións Relacionadas