HomeA CoruñaO Consello Sectorial de Pesca demanda accións concretas para mellorar as infraestruturas...

O Consello Sectorial de Pesca demanda accións concretas para mellorar as infraestruturas portuarias e recuperar a Ría de Arousa 

- Anuncio -spot_img

Hoxe tivo lugar a reunión do Consello Sectorial de Pesca, órgano consultivo do Concello de Ribeira, onde se trataron diversos asuntos de grande importancia para o municipio e para o sector do mar. A xuntanza estivo presidida polo alcalde e o concelleiro de Mar e participaron as confrarías, lonxa de Ribeira, asociacións do arrastre, cerco, representantes dos grupos da Corporación Municipal, sindicatos e empresarios. 

Mantemento dos portos 

Durante a xuntanza, abordouse a falta de mantemento nos portos do municipio, especialmente no de Ribeira, que presenta un estado de abandono notable. Entre as deficiencias sinaladas destacan a necesidade urxente de renovar escaleiras, varandas, argolas e morróns, así como acometer unha renovación integral da iluminación, apostando por sistemas LED máis eficientes, dado que, actualmente, as avarías deixan con frecuencia o porto completamente ás escuras. 

Tamén se fixo fincapé na necesidade de mellorar o estado das estradas que dan acceso aos portos, xa que algunhas delas presentan un avanzado grao de deterioro e precisan unha nova capa de pavimento. 

Perda de produtividade da ría de Arousa 

Outro dos puntos centrais do encontro foi a preocupación pola perda de produtividade da ría de Arousa. Tanto o sector como o goberno local coincidiron na urxencia de que a Consellaría do Mar leve a cabo un estudo científico que analice as causas desta baixada nas capturas e propoña medidas concretas para reverter esta situación. 

Seguridade nos peiraos 

A seguridade nos portos do municipio foi outro tema destacado. O sector do mar reclamou a presenza de policía portuaria durante as noites para garantir a seguridade das embarcacións, así como a posta en funcionamento das cámaras de videovixilancia, actualmente inactivas. 

O Concello de Ribeira comprometeuse a impulsar unha reunión entre os diferentes corpos e forzas de seguridade e o propio sector do mar, co obxectivo de reforzar a coordinación e asegurar que os portos de Ribeira sexan espazos seguros. 

Resolucións do Consello Sectorial de Pesca 

Como conclusión da reunión, adoptáronse as seguintes resolucións:

  1. O Consello Sectorial de Pesca demanda a elaboración dun plan de actuación en materia de mantemento, iluminación, seguridade e dragaxe dos portos, cun orzamento detallado e un calendario concreto para garantir o seu seguimento. 
  2. Solicítase á Consellaría do Mar a realización dun estudo científico que analice as causas da perda de produtividade das rías galegas, especialmente da ría de Arousa, e propoña solucións eficaces. 
  3. O Concello de Ribeira promoverá unha xuntanza entre os corpos de seguridade e o sector do mar para mellorar a coordinación e asegurar a protección dos peiraos do municipio. 

Dende o goberno local, reafírmase o compromiso con este sector esencial para Ribeira, traballando man a man co Consello Sectorial de Pesca para dar resposta ás súas necesidades e garantir un futuro sostible para o noso mar. 

O alcalde, Luís Pérez Barral, trasladou aos medios o malestar do sector “dá a sensación de que o porto de Ribeira non está sendo prioritario nos investimentos que está facendo a Consellería do Mar no tocante ao mantemento e a seguridade por iso imos pedirlle ese plan de actuación”. Tamén trasladou unha demanda moi solicitada fai tempo como é a dragaxe do porto, “unha cuestión fundamental se queremos que os barcos non toquen no fondo cando hai marea baixa; e por tanto tamén poidan saír a faenar en calquera momento así como atracar cando veñen do mar”. Tamén falou doutra preocupación do sector como é o control de acceso, “entre a lonxa vella e a nova lonxa que permitan que o sector do mar traballe de maneira digna, con seguridade sabendo que non vai a haber vehículos de tránsito e persoas que non teñen nada que ver coa actividade do mar”. 

Outro punto a destacar é a revitalización do sector do mar “os rexistros de venda das propias lonxas marcan descensos históricos nas capturas, por iso é necesario que a Consellería do Mar se implique xunto coas universidades, confrarías e con todas as entidades que traballan no mar para que haxa unha revitalización deste sector” concluíu o rexedor. 

O edil de Mar, Fernando Abraldes, apuntou que “hai dous barcos en estado de abandono amarrados no porto dende hai uns anos, é necesario sacalos polo perigo manifesto de que afundan por deterioro, se isto sucedera sería un problema ecolóxico ademais dun custo grande”. Tamén fixo referencia á lonxa vella en canto á demanda para que se poda habilitar para os redeiros e redeiras. En canto aos dragados pediu “que o dragado de Ribeira, Aguiño e Palmeira que se poda botar preto de Sálvora, pero só os dragados dos portos do municipio, nós non podemos nin queremos ser o epicentro dos dragados de Galicia.”, finalizou.

Publicacións Relacionadas