O BNG ribeirense celebrou o Día da Galiza Mártir cun roteiro pola memoria que percorreu a rúa Alexandre Bóveda, continuou cunha parada no mural dedicado a Castelao, seguiu até a rúa Manuel Lustres Rivas e rematou no Malecón cunha ofrenda floral ante a escultura en memoria das vítimas da ditadura.
Ao longo do percorrido sucedéronse diferentes intervencións que serviron para reivindicar a memoria das persoas represaliadas e para subliñar a necesidade de manter vivos os valores democráticos, de liberdade, xustiza e dignidade polos que loitaron.
A encargada de abrir o acto foi Xana Ledo, que deu a benvida ás persoas asistentes na rúa Alexandre Bóveda e lembrou que este ano se cumpriron 90 anos do fusilamento do dirixente galeguista na Caeira, en Poio. Ledo destacou que Bóveda foi asasinado por “fidelidade férrea aos seus ideais redentores”, é dicir, por defender desde as institucións ás que lexitimamente accedera unha Galiza libre da aldraxe á que era sometida e con capacidade para decidir sobre o seu propio futuro, tamén desde o punto de vista económico e fiscal.
A seguinte parada tivo lugar ante o mural dedicado a Castelao, onde tomou a palabra Elsa Santamaría, de Galiza Nova. Na súa intervención puxo en valor a profunda compenetración entre Castelao e Alexandre Bóveda, lembrando que non articularon dous proxectos paralelos, senón unha acción política e intelectual común. Mentres Bóveda achegaba o rigor técnico, a capacidade organizativa e o deseño das bases económicas do Estatuto de 1936, Castelao canalizaba o liderado social, a mística cultural e a proxección artística do movemento galeguista. “Eran, en definitiva, o equilibrio entre a estratexia e a palabra”, afirmou, lembrando tamén o papel decisivo de ambos na fundación do Partido Galeguista en 1931 e como Castelao definía a Bóveda como “o motor”, fronte á “alma” e ao carisma que el propio representaba para a mobilización social.
O roteiro continuou até a rúa Manuel Lustres Rivas, onde interveu Marián González para lembrar a figura do xornalista, escritor e galeguista nacido en Ribeira en 1888. González repasou a súa traxectoria e o seu compromiso coa cultura, co galeguismo e coas liberdades, así como a súa detención tras o golpe militar de 1936, o seu paso pola prisión da illa de San Simón e o seu asasinato o 10 de novembro dese mesmo ano. Na súa intervención subliñou que a súa morte non foi un feito illado, senón parte dunha represión planificada que pretendía sementar o medo, calar voces e destruír toda unha xeración que soñaba cunha Galiza máis libre, máis xusta, máis democrática e dona do seu futuro. “Lembrar non é vivir ancorados no pasado, lembrar é facer xustiza”, sinalou, reivindicando que o nome de Lustres Rivas non pode quedar reducido a unha placa, senón que é preciso coñecer a súa historia e transmitir ás novas xeracións que os dereitos e as liberdades actuais son froito do compromiso e da loita de moitas persoas.
Xa no Malecón, ante a escultura en memoria das vítimas da ditadura, o representante da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, Xan Hermida, incidiu no sufrimento provocado pola desaparición forzada de tantas persoas, privadas dunha sepultura digna e dun lugar no que as súas familias puidesen depositar os seus recordos. Hermida destacou a importancia das exhumacións para pechar un proceso que, máis de 90 anos despois, continúa pendente para moitas familias, e expresou o desexo de que se complete tamén no caso de veciños e veciñas de Ribeira desaparecidos, como Vicente López Novo, “Rufino”, ou Manuel García Hermo, entre outros. Así mesmo, apelou á dignificación e ao respecto polo monumento en lembranza dos represaliados de Ribeira, que nos últimos meses sufriu dous ataques sen que, segundo lamentou, estes fosen recriminados polo goberno local do Partido Popular.
A intervención final do acto correu a cargo do exalcalde de Ribeira e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, que comezou lembrando a orixe do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. Pérez Barral explicou que a data foi escollida pola Galiza do exilio para manter viva a lembranza de Alexandre Bóveda e de todas as vítimas da represión, nun momento no que a ditadura pretendía impoñer o silencio, primeiro mediante as balas e despois tratando de borrar a historia das persoas asasinadas e perseguidas. “Foron os galegos e galegas da emigración, coa figura de Castelao á cabeza, quen conservaron esta memoria e fixeron que os seus nomes non desaparecesen”, afirmou.
O portavoz nacionalista sinalou que hoxe existe a responsabilidade de recoller ese legado e de manter vivos os valores polos que loitou aquela xeración. “Como nacionalistas e como demócratas debemos seguir profesando eses valores”, afirmou, reivindicando a democracia, porque ningunha idea pode ser perseguida coa violencia; a liberdade, porque pensar diferente nunca pode converterse nun motivo de persecución; a xustiza, porque as vítimas merecen verdade, recoñecemento e reparación; e a dignidade, porque todas as persoas represaliadas deben ocupar o lugar que lles corresponde na nosa historia.
Pérez Barral vinculou estes principios coa defensa que o BNG realiza tamén no presente. “Defendemos eses valores cando defendemos uns servizos públicos fortes, cando amamos e protexemos a lingua e a cultura galegas ou cando non permanecemos calados ante o odio e a intolerancia”, sinalou. Neste sentido, criticou os intentos da dereita por desvirtuar a historia e reivindicou a figura de Moncho Reboiras como “un demócrata asasinado pola ditadura, recoñecido como unha das últimas persoas que o réxime franquista matou a sangue frío”. Tamén afirmou que estes valores están presentes na oposición ás guerras e ao xenocidio que sofre o pobo palestino.
O exalcalde destacou que “verdade, xustiza, reparación, memoria e compromiso democrático” son precisamente os valores que o Bloque Nacionalista Galego reivindica neste Día da Galiza Mártir. Lembrou que o BNG leva anos defendendo o recoñecemento institucional do 17 de agosto e a homenaxe a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo en Galiza, considerando que esta xornada debe servir non só para lembrar, senón tamén para facer pedagoxía entre a poboación e contribuír á construción dunha sociedade máis libre e democrática.
Na parte final da súa intervención, Pérez Barral recordou que a ditadura “reprimiu e asasinou ao mellor da sociedade daquel momento” e exemplificouno nas figuras de Alexandre Bóveda, un dos grandes impulsores do Estatuto de Autonomía de Galiza; Federico García Lorca, que se interesou pola lingua e pola cultura galegas e publicou os seus Seis poemas galegos grazas á Editorial Nós; e Ánxel Casal, fundador daquela editorial e alcalde de Santiago de Compostela. Tres figuras asasinadas consecutivamente os días 17, 18 e 19 de agosto de 1936.
O acto concluíu coa ofrenda floral ante a escultura en memoria das vítimas da ditadura. Antes dela, Luís Pérez Barral pechou o roteiro cunha chamada a converter a memoria nun compromiso co presente e co futuro: “Que a terra que os viu nacer garde para sempre os seus nomes e que Galiza faga da memoria un elemento co que construír unha sociedade mellor”.

